18 AO 22 DE MARZO: CURSO COMO SE VISITA UN MUSEO 2024


Na semana do luns 18 ao xoves 22 de marzo realizararemos o xa tradicional cursiño “COMO SE VISITA UN MUSEO”. De xeito teórico e práctico analizaranse os tipos de museos, o seu estado da cuestión en Galicia, asi como en relación con outros do Estado e do mundo, os seus condicionantes de continente, contido e proxectos museográficos. Finalmente ofreceranse un tipo de recomendacións, tanto para a visita individual como colectiva ou tipo de museo. Analizaranse obras de arte, artefactos, tratando de contextualizalos no seu espazo, tempo, sociedade… producións que agora, fora do sitio orixinal que as fixo posible, pasan a ter outros valores na exposición ou entre os fondos de reserva do museo. Analizarase igualmente a descontextualización e perda de “espírito” daqueles sitios, espazos, casas de creadores que polo intervencionismo perderon o seu “genius loci”…

A intención é seguir a dar o paso que leve aos espectadores a ser actores no museo, a enxergar que é poñer todos os sentidos, máis a intuición e o saber sobre as cousas: ser auotres e actores da nosa propia historia.

Programa do curso 2024:

  • En Portas Ártabras (Sinagoga 22, baixo – A Coruña) ás 20:00
    • Luns 18 de marzo: Proxeccion de documental arredor dos Museos.
    • Martes 19 de marzo: “Orixe e historia dos Museos” por Felipe Senén (Museólogo – Arqueólogo)
    • Mércores 20 de marzo.: “Os Museos de Galicia, estado da cuestión e posiblidades” por Felipe Senén (Museólogo – Arqueólogo)
    • Xoves 21 de marzo: “O Museo Provincial de Lugo como espazo de divulagación patrimonial por Aurelia Balseiro (Directora do Museo de Lugo):
  • No PALEXCO (Peirao de Transatlánticos s/n) ás 19:00
    • Venres 22 de marzo: visita guiada á exposición “O arquitecto Antonio Palacios, o rumor da historia, o ruído do tempo.”
      • Para esta visita práctica é preciso anotarse previamente chamando a Portas Ártabras de luns a venres de 19 a 21 horas ao 981 21 01 01

Aurelia Balseiro García.- Licenciada con grao en Xeografía e Historia pola USC coa especialidade de Museoloxía (1985-1990). Diploma de Estudos Avanzados pola USC (1993). Autora de máis dun cento de publicacións en revistas, prensa, boletíns, actas de congresos ou en libros colectivos con temas relacionados coa arqueoloxía do ouro, o patrimonio, a historiografía, a arte, os artistas, os museos, etc., e de libros sobre ourivería castrexa: Oro prerromano en la provincia de Lugo (1994); Diademas áureas prerromanas. Análisis iconográfico y simbólico de la diadema de Ribadeo / Moñes (2000). O Torques de Burela. A xoia do noso patrimonio (2013). Editora científica e coautora de A Colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo (2018), da publicación dixital Percorridos pola colección Numismática do Museo Provincial de Lugo (2021) e De monetaria galega. Galiza e a súa moeda dende a Antigüidade ata os nosos días (2023). Recentemente publicou O Museo Provincial de Lugo. Orixe e consolidación (1932-1982) (2022).

Felipe – Senén López Gómez.- Historiador da Cultura Galega. Formado na Universidade de Compostela (1969-1974), onde ademais recibe prácticas de Museoloxía con Manuel Chamoso Lamas. De 1975 a 1997, Conservador do Museo Arqueolóxico da Coruña, da que pide excedencia para ser Técnico de Cultura e Museólogo da Deputación da Coruña. Numerario da Academia Galega de Belas Artes e do Instituto J. Cornide de Estudos Coruñeses, entre outros. Preocupado pola sensibilización cultural, creador e animador de varios colectivos e cunha ampla actividade como conferenciante, divulgador e estudoso da historia da Cultura Galega, especialmente nos eidos da Arqueoloxía, a Etnografía e a simboloxía, entre eles da obra do Arquitecto A. Palacios, singular figura que circunscribe no seu contexto espacial e temporal e que caracterizou o Decadentismo, como contestación á deshumanización que podía levar a revolución industrial. Entendendo a Palacios como seguidor dos presupostos da Xeración Nós, na procura de solucións de orixe, orixinais, potenciando e re-creando sobre as pedras, sobre as artesanías e as arquitecturas históricas que conflúen en Galicia.

Curso aberto a quen desexe asistir, especial para interesad@s en cuestións turísticas e museos. De desexarse tamén se pode solictar certificado de 8 horas de asistencia, que incluén unha visita práctica.