XOVES 14 DE MARZO: CICLO CRISTIANISMO E PAGANISMO NA ARTE “LOS DIOSES Y LAS MUJERES”


O xoves 14 de marzo, ás 20 horas, terá lugar en Portas Ártabras unha nova conferencia do enxeñeiro especialista en simboloxía medieval, José Luis García Dornelas, comentando un centenar de obras de arte que mostran como ao longo de tres milenios de historia os homes consideraron á muller como un ser inferior e loxicamente os deuses e as relixións que elaboraron reflectiron esta inferioridade.

Ao longo de tres milenios de historia, salvo unhas poucas excepcións, os homes consideraron á muller como un ser inferior e loxicamente os deuses e as relixións que elaboraron reflectiron esta inferioridade, e mesmo nalgúns casos chegaron a culpar á muller de todas as desgrazas do mundo. Este é o caso de Pandora ou o de Eva.
Deuses macho-alfa como Zeus, infieis ata a medula; reis exemplos de sabedoría como Salomón con 700 mulleres e 300 concubinas segundo a Biblia, ou a recomendación do Corán de pegar á muller se desobedece ao seu marido, son entre outros moitos exemplos os responsables de que considerásemos o machismo como un patrón de conduta.
E como é natural, isto vai quedar reflectido na arte. E así o comprobaremos no centenar de imaxes que nos acompañarán no apresurado percorrido que realizaremos desde a Antigüidade Clásica ata a Idade Media, época na que o cristianismo a converteu en símbolo do pecado.

Esta actividade está enmarcada no “Ciclo Cristianismo e Paganismo na arte”.
Entrada libre ata completar aforo.

Extracto do Manuscrito Clm 8201 da Bayerische Staatsbibliothek de Múnic que mostra a San Bieito revolvéndose nunhas silvas para non caer na tentación dunha muller-demo (1414)