PALESTRA DE AURORA MARCO ADIADA PARA NOVA DATA: “MULLERES NO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS”. O FACHO.


Desde a Agrupación Cultural O`Facho vos comunicamos a celebración  do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do primeiro trimestre de 2024.

 O vindeiro dia 12 de marzo íase celebrar este acto que quedará posposto ata nova data.

Aurora Marco é doutora en Filosofía e Letras (1978), catedrática de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega da USC, e autora de extensa obra: biografías de Carvalho Calero, Avilés de Taramancos, Paz Carbajal; edicións críticas de obras de López Ferreiro, Rodríguez López, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Áurea Lorenzo Abeijón e outros libros de carácter interdisciplinar. Alén da investigación, desenvolve unha intensa actividade como conferenciante. Nos últimos 30 anos centrouse na recuperación da traxectoria das mulleres galegas: As precursoras (1993); Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002); Dicionario de mulleres galegas (2007); Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011); Mª Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana (2012); Elas (2015); Irmandiñas (2020);  Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (2023).

Pola súa obra ensaística, recibiu numerosos premios: “Tomás Barros” de Investigación Teatral (1991); “Ánxel Fole” de Ensaio literario (1992); “Luís Tilve” de Investigación e Divulgación Histórica (2012) // “Mulleres en Acción” (2015) // “Galiza Mártir” (2016) //  “Mártires da Liberdade” (2017)// Xohana Torres de Ensaio e Creación audiovisual, con Pablo Ces (2018)// “Follas Novas” do Libro Galego (2021)// “Baltar Feijóo” (2022). En 2023 foi nomeada Señora das Letras 2023 polo colectivo  de crítica literaria “A Sega”.

Resumo do relatorio “Mulleres no Seminario de Estudos Galegos”:

Para valorar na súa xusta medida a presenza das mulleres no Seminario de Estudos Galegos, cómpre non esquecer que, até 1910, non puideron matricularse oficialmente nos centros universitarios e, pouco e pouco, foron incorporándose a diferentes carreiras. Como o SEG, fundado en 1923, foi unha entidade ligada á Universidade de Santiago, é doado comprender que a súa presenza fose testemuñal na citada entidade, sobre todo ao principio, porque das poucas que pisaron os claustros universitarios, só algunhas ingresaron naquel centro de investigación do saber.

Foron poucas as socias activas e as súas vidas e actividades ficaron, na maioría dos casos, silenciadas, ignoradas, sen fixar, ausentes do discurso oficial e do ensino académico, porque na historia do feminino sempre houbo problemas de transmisión e visibilidade. A lembrar as súas traxectorias, algunhas completas, outras fragmentarias, dedícase esta conferencia.

Agrupación Cultural O Facho  

CIF G-15037021 

Apartado de Correos nº 46 O.P. A Coruña