XOVES 29 DE FEBREIRO: PALLARÉS E EVA VEIGA PRESENTAN A SÚA ANTOLOXÍA DE LUÍSA VILLALTA


O xoves 29 de febreiro, ás 20 horas, terá lugar en Portas Ártabras a presentación de Así vou eu, formando parte, a antoloxía poética de Luísa Villalta que realizaron Eva Veiga e Pilar Pallarés editado por Chan Da Pólvora.

Poucas figuras da literatura galega contemporánea gozan dunha admiración semellante á de Luísa Villalta, poeta de sensibilidade apaixoada que nos deixou unha traxectoria marcada pola busca da verdade.

Así vou eu, formando parte non é só unha antoloxía que percorre a obra de Luísa Villalta para amosar as súas vertentes máis intensas, senón tamén un cofre que contén inesperados tesouros. Durante meses –antes incluso de acordar a RAG dedicarlle a Villalta o Día das Letras Galegas– Pallarés e Veiga adentráronse no complexo mundo simbólico da autorta para amosalo no seu manto esplendente, por momentos sobrecolledor pero sempre fiel aos principios éticos que defendía.

O libro inclúe, ademais da escolma, senllos textos das antólogas onde analizan, de maneira singularizada, os poemarios de Villalta ou despexan nun marco teórico a súa pulsión creadora. Da propia villalta aparecen tamén pezas documentais que axudan a comprender as raíces da súa obra.