XOVES 15 DE FEBREIRO: CONFERENCIA ARREDOR DAS SINGULARIDADES DO ENTROIDO GALEGO


O xoves 15 de febreiro, ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras, a conferencia “ORIXES E ORIXINALIDADE DO ENTROIDO EN  GALIZA”, recorrido que fará o museólogo especialista en cultura galega Felipe – Senén polo almanaque festivo. As variedades e competencia de máscaras e folións sometidos ao ritual dunha corentena. Reinado da cor, dos sóns, dos cantos, da fartura presidida polo porco… da liberdade creativa: Felos, Cigarróns, Pantallas, Boteiros, Volantes, Maragatos, Rodo, Galáns, Madamas, Choqueiros, mascaritas da borralla… Algo que a pesares da uniformidade global, recupera os diferentes aportes históricos e tradicionais, os que fan de Galiza un verdadeiro paraiso, non só etnoarqueolóxico, de cultura material e inmaterial. Fonte de inspiracións da que non somentes beben os creadores de formas autóctonos, senón mesmo deseñadores da moda internacional. Festa que terá o seu “reverso” na cuaresma que significa todo o contrario, silencio, introversíon, xexún… Explicacións que, como é costumbre serán guiadas de imaxes, adentrándose en características de difrentes bisbarras, así como de influencias, que poñen a proba a Galiza como un país de confluencias, de xente viaxeira, que leva e que trae.

Entrada libre ata completar aforo.