SÁBADO 3 DE FEBREIRO: PRESENTACIÓN DO LIBRO: “BELLAS DAMAS SIN PIEDAD. MUJERES DEL SURREALISMO.”


O sábado 3 de febreiro ás 12:00, terá lugar en Portas Ártabras a presentación do libro: “BELLAS DAMAS SIN PIEDAD. MUJERES DEL SURREALISMO.”

O vórtice vital e creativo das mulleres surrealistas excede a problemática de xénero. A súa maneira de estar no mundo derroca estereotipos adquiridos e, a un tempo, custodia o sedutor orgullo da súa feminidade. Musas, si, de presenza poderosa que inspira, instigadoras do prodixio e dunha vida plena que non consente desfalecemento algún ante convencións “castrantes”. Amantes, tamén, que experimentan o amor erótico como temón de provocación e chave para o coñecemento interior, horizonte de apertura e non cárcere do desexo masculino. Pero, ante todo, creadoras, que se mergullan nas potencias escuras do espírito á procura dos desexos inmobilizados no inconsciente, vertixe que subxace a toda creación surrealista.
De entre o enxame de mulleres surrealistas elixíronse estas, tendo en conta o interese indiscutible da súa obra filosófica, plástica e/o poética, pouco coñecida no noso país, e, ademais, a propia conciencia de pertenza ao movemento surrealista como corpo de pensamento e actividade organizada. Outras, esperan ocasión para desvelarse.

NADJA, SIMONE KAHN, CLAUDE CAHUN, MARY LOW, NORA MITRANI, VALENTINE PENROSE, ALEJANDRA PIZARNIK, JOYCE MANSOUR, LEONORA CARRINGTON, SUZANNE CÉSAIRE, UNICA ZÜRN, JOSEFINA QUESADA, CARMEN BRUNA, ANNIE LE BRUN, ELISABETH LENK, PENELOPE ROSEMONT, EVA SVANKMAYEROVÁ

Autores: Eugenio Castro, Julio Monteverde, Ana Muiña, Dolors Marín, José Manuel Rojo, Esther Peñas, Mª Isabel Gómez, Inés Mendoza, María Santana, Silvia Guiard, Loreto Casado, Jordi Maiso, Almudena Huete, Noé Ortega.