
A Agrupación Cultural O Facho dá conta do inicio do ciclo de palestras do outono 2023, retomando a programación prevista para este ano. O vindeiro dia 10 de outubro o profesor e escritor Ramón Nicolás Rodríguez falará sobre: “Del Riego: unha vida, unha época”
Data: 10 de outubro, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Portas Ártabras -Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña
Ramón Nicolás Rodríguez exerce a docencia no IES Castelao (O Calvario-Vigo). Realiza crítica literaria desde o ano 1990 en diversas revistas e publicacións e, desde hai anos, no suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia. Mantén, desde 2010, o “Caderno da crítica. Literatura galega”: un dos blogs literarios máis veteranos e activos de Galicia.
Desde o ano 2021 é membro correspondente da Real Academia Galega. En 2011 ingresou como padroeiro na Fundación Celso Emilio Ferreiro e dirixe a colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia. É tamén ensaísta e tradutor e pertence á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, á Asociación Española de Críticos Literarios e á Asociación Galega da Crítica. Recibiu diversos galardóns como o Premio Antón Losada Diéguez de ensaio no 2013, por Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (2012). Publicou dúas novelas -O espello no mundo (2016) e Lapis na noite (2018)- e asinou diversas traducións e ensaios, ademais de editar e estudar a obra de autores como Manuel Luís Acuña, Manuel Lueiro Rey, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas, Lugrís Freire, Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández del Riego ou Celso Emilio Ferreiro.
A palestra que impartirá leva por título “Del Riego: unha vida, unha época” e centrarase na súa monografía divulgativa Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo (Xerais, 2022) na que sintetiza o perfil biográfico do escritor de Vilanova de Lourenzá e realiza un achegamento á súa oceánica obra literaria.
Agrupación Cultural O Facho
