CASA BARROCA DE COMBARRO: DENUNCIA ANTE FISCALÍA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, O 1 DE SETEMBRO DE 2023


Nota informativa, referida a denuncia presentada polas asociación Amigos dos Museos de Galicia (A Coruña) e A Solaina de Combarro, ante a Fiscalía Provincial de Pontevedra, para que se clarifique a propiedade da «chamada Casa Barroca de Combarro», adquirida en 1973 polo Ministerio de Educación y Ciencia para destinala a sede do Museo de Artes e Costumes Populares (Museo do Mar de Combarro). Pontevedra, 4 de setembro de 2023.

Presentación da denuncia ante a Fiscalía o venres 1 de setembro.

A Asociación A Solaina de Combarro e Amigos dos Museos de Galicia presentaron este venres 1 de setembro una denuncia ante a Fiscalía Provincial de Pontevedra que ten como obxecto que se clarifique a propiedade da «chamada Casa Barroca de Combarro», adquirida en 1973 polo Ministerio de Educación y Ciencia para destinala a sede do Museo de Artes e Costumes Populares (Museo do Mar de Combarro). Asinan a mesmo os presidentes de ambas asociacións culturais, Rafael Vallejo Pousada e Felipe-Senén López.

A documentación presentada por A Solaina e Amigos dos Museos consta de dúas partes: o texto da “Denuncia ante a Fiscalía Provincial”, un escrito de seis páxinas; e, un “Informe Documental sobre a Casa Barroca de Combarro, con referencia catastral 4479116NG2947N0001KB, adquirida en 1973 polo Ministerio de Educación y Ciencia para instalar nela un Museo estatal de Artes e Costumes Populares, con 8 Informes documentais”. Este amplo Informe, organizado neses oito informes documentais, supera as 550 páxinas.

Unha denuncia por obriga cívica

No texto da denuncia , a asociación Amigos dos Museos de Galicia, con sede na Coruña, e a Asociación A Solaina para a Defensa e Promoción do Patrimonio Histórico Artístico de Combarro, manifestan que se ven “na obrigación de poñer en coñecemento da Fiscalía provincial de Pontevedra, mediante esta DENUNCIA, a situación actual dunha casa barroca sita en Combarro, con referencia catastral 4479116NG2947N0001KB. Esa casa, desde xaneiro de 2021 está inscrita pola Gerencia Territorial del Catastro de Pontevedra a favor dun titular que previamente (en 2020) se declarou propietario da mesma, e nesa inscrición catastral e declaración de propiedade puido haber accións, omisións ou declaracións rexistradas documentalmente ante notario que puidesen ser constitutivas de delito, e que puideron facer posible a privatización, presuntamente fraudulenta, dun ben cultural, que entendemos de titularidade do Estado español, que forma parte destacada, pola súa «beleza artística» e valores patrimoniais, do Conxunto Histórico Artístico de Combarro, pobo monumental declarado ben de interese cultural en 1972”.

Esta «chamada Casa Barroca de Combarro» fora sometida a un proceso de expropiación forzosa por razóns de utilidade pública, para convertela en Museo estatal de «Artes y Costumbres Populares», en 1972-1973 (Decreto 3371 /1972, do 22 de decembro, BOE 13-2-1973, p. 2749). Por ela, o Ministerio de Educación y Ciencia pagara en 1973, á súa antiga propietaria, Da. Florinda Salgueiro Romero, combarresa residente en Montevideo, a cantidade de 150.000 pesetas.

O contido da denuncia: os feitos e a solicitude á Fiscalía.

A denuncia organízase, primeiro, coa manifestación dos feitos e, en segundo lugar, coas peticións concretas que se lle trasladan á Fiscalía.

Os feitos que sustentan a necesidade desta denuncia son froito dunha rigorosa reconstrución histórica da traxectoria seguida por esta «chamada Casa Barroca de Combarro». Esa reconstrución organízase en tres momentos: o ano 1973, cando se produciu a expropiación e pago desa vivenda barroca; a traxectoria desta casa barroca entre 1973 e 1982: e, entre 1982 e 2023. Neste apartado da denuncia propiamente dita esa “traxectoria histórica” esta sintetizada en catro folios. Pero, as asociacións A Solaina e Amigos dos Museo fan un relato máis minucioso da mesma no apartado sete do informe documental, que se titula “Indicios e evidencias de que a casa barroca de Combarro con referencia catastral 4479116NG2947N0001KB é propiedade do Estado español”. É un apartado cargado de novidades sobre o que xa se sabía desta casa. Nel apórtanse, por exemplo, as evidencias de que “a Delegación provincial de Cultura de Pontevedra fíxose cargo” desta casa en 1978, converteuna nun dos inmobles do “Centro Social do Ministerio de Cultura en Combarro”, e que exerceu a tutela e titularidade da mesma ata xullo de 1982. Foi nese momento cando se produciron as transferencias de competencias do Estado en materia de cultura a Galicia, e desaparecía aquela Delegación provincial do Ministerio de Cultura en Pontevedra.

Na denuncia, ambas asociacións poñen de manifesto que este inmoble quedou «privatizado» en xaneiro de 2021, cando a Gerencia Territorial del Catastro de Pontevedra inscribiu o inmoble a favor de D. P-EPF, quen o recibiu da súa nai Da. DFR, quen, a súa vez, se declarara en 2020 herdeira desta casa, unha herdanza sobre a que existen dúbidas fundamentadas de que non é tal. En todo caso, unha herdanza que merece ser investigada.

A petición á Fiscalía Provincial de Pontevedra.

Como consecuencia deses feitos descritos con detalle, Amigos dos Museos e A Solaina de Combarro SOLICITAN da “Fiscalía de Pontevedra unha investigación, en relación á casa barroca sita en Combarro con referencia catastral 4479116NG2947N0001KB, orientada a clarificar os seguintes extremos:

1 º) Se a atribución de herdanza e propiedade desta casa, por Da. DFR e o seu fillo D. P-EPF, están xuridicamente suficientemente fundamentadas, ou se hai nela presuntos erros, omisións ou falsidades que puidesen ser constitutivos de delito e, por tanto, puidesen anular a propiedade que se atribúen.

2°) Se no expediente aberto pola Gerencia Territorial del Catastro de Pontevedra para atopar un titular desta casa barroca de Combarro puidese haber así mesmo accións ou omisións que puidesen causar prexuízos a particulares e, sobre todo, permitir a privatización, presuntamente fraudulenta, dun ben cultural, de presumible titularidade pública, e parte integrante do patrimonio cultural do Estado español.

3°) A presumible propiedade pública desta «Casa Barroca», de alto interese cultural, sometida a expropiación por razóns de utilidade pública en 1973, e segundo os testemuños e evidencias dispoñibles, pagada en 1973 á súa antiga titular, Da. Florinda Salgueiro Romero, polo prezo convido polo Ministerio de Educación y Ciencia e a mencionada propietaria, que foi de 150.000 pesetas”.

O amplo Informe documental sobre a casa barroca de Combarro incorporado nesta denuncia, está organizado nos seguintes oitos apartados:

1) Xestións e documentación de 2016-2017 sobre casas barrocas de Combarro adquiridas para Museo etnográfico.

2) Xestións feitas coa Sra. Subdelegada do Goberno en Pontevedra e ante o Ministerio de Cultura pola Asociación A Solaina, desde o 3-2-2021 a 8-7-2022.

3) Xestións realizadas ante a «Delegación de Economía y Hacienda» da provincia de Pontevedra (2021-2023).

4) Actuacións dos irmáns Da. DRF e D. FRF, ante o Rexistro dá Propiedade para paralizar a inmatriculación da casa con referencia catastral 4479116NG2947N0001KB, e ante a Gerencia Territorial del Catastro de Pontevedra, solicitando o cambio de titular.

5) Relación dos documentos relacionados coa iniciativa parlamentaria do deputado do BNG no Congreso dos Deputados D. Néstor Rego Candamil sobre a casa barroca de Combarro expropiada en 1973 para museo etnográfico polo Ministerio de Educación y Ciencia.

6) Xestións ante o Concello de Poio e do propio Concello de Poio, e algunha da documentación xerada por este sobre a casa barroca de Combarro (2021-2023).

7) Indicios e evidencias de que a casa barroca de Combarro con referencia catastral 4479116NG2947N0001KB é propiedade do Estado español.

8) Copia do expediente de expropiación da casa barroca de Combarro (Pontevedra) que se atopa localizado no Archivo General de la Administración (AGA), referencia: IDD (03)005.003.

“Cada un destes apartados contén un informe sobre cada unha das cuestións que se abordan nos mesmos, unha relación de documentos e testemuños que avalan e ilustran o contido de cada un deses informes parciais, e unha copia deses documentos, claramente identificados”, segundo lle indican A Solaina e Amigos dos Museos de Galicia á Fiscalía Provincial na súa denuncia.

Asdo: Rafael Vallejo Pousada, presidente de A Solaina de Combarro. DNI: 35285705W   Asdo: Felipe-Senén López Gómez, presidente de Amigos dos Museos de Galicia. DNI: 76689843T  

Observacións: – Nesta nota de prensa usamos iniciais para a identificación de catro persoas que, no documento entregado á Fiscalía, aparecen cos nomes detallados.