Con saída ás 16 horas do Obelisco (recollida única) realizaremos a xa anunciada xeira para visitar o Pazo de San Lourenzo (Compostela). Por todo o cal aínda podes anotarte e participar nesta visita, chamando ao 981210101 ou ao 630930298, de luns a venres de 19 a 21 horas. A elección deste día ven dado en función da dispoñibilidade dos propietarios para mostrarnos tan importante e singular predio.
O pazo de San Lourenzo érguese na fermosa e antiga carballeira compostelá de San Lourenzo, baixo do Pedroso e sobre o río Sarela. É iste un lugar mítico, un antigo mosteiro franciscano do século XIII , espazos de misterio nos que o bispo nigromántico Muñiz, que tiña o don da ubicuidade, praticou maxia e bruxería… onde tamén no 1520 se acolleu Carlos V. Pazo que, unha vez desamortizado, pasa a ser propiedade da antiga casa galega dos condes de Altamira, que pasará a radicar en Sevilla…. na actualidade da duquesa de “Medina de las Torres”, famila de Fabiola de Mora y Aragón e onde a raiña dos belgas pasou tempadas. Continente con importantes obras de arte de todas as épocas, como o altar renacentista en mámore, obra dos xenoveses Aprili, seguidores de Miguel Anxo, claustro con fonte e labirinto de buxo que inspirou a Rosalia… punto de encontro nos anos Modernistas para o galeguismo.
Ademais este recorrido aproveitará a tarde para visitarmos e coñecer a fondo as ruinas do castelo da Rocha, así como en Brión, as Torres de Altamira, cerna dunha das máis antigas casas do mundo, os Trastámara. Rematará a tarde na frescura da medieval Ponte Maceiras. Así pois itinerario que ofrece algo que tod@ galeg@ debe coñecer. O retorno ao punto de orixe será sobre as 22 horas. Non o dubides e apúntate xa a tan interesante recorrido histórico.

