Xa está aberta a inscripción para participar nesta xeira que nos levará a Cedeira para seguir ás Terras de Ortegal e Bares. Como sempre e partindo ás nove da mañán da Coruña dirixirémonos por Valdoviño e Vilarrube a Cedeira, lugares cargados de historia e tradicións mariñeiras, camiños de peregrinación que conducen ao enigmático santuario de San Andrés de Teixido, un punto clave na etnografía de Galicia. Sitios, historias, tradicións que merecen coñecerse dende a nosa óptica como a cristianización de ancestrais rituais celtas: “A San Andrés de Teixido vai de morto o que non vai de vivo“. Non quedará punto de interese por coñecer de tan importante enclave. Seguiremos cara os miradouros de Herbeira, non deixaremos de lembrar ao actor Leslie Howard (“o que o vento levou”) que nas contendas da segunda guerra mundial perdeu a vida nun combate aéreo nesta beiramar… Cariño, Ortigueira unha vila intelectual que atesoura un importante legado cultural e “indiano”… Ladrido e as lembranzas do seu famoso e ilustrado cura reloxeiro, Espasante, o seu castro e o porquiño de San Antón… as terras de Graña do Sor lembrando ao bandoleiro Mamede Casanova… e o enigma de do porto”fenicio” de Bares, co seu cabo…. Un día intenso no que non faltará o xantar enxebre da zona, como xa caracteriza estas xeiras. Non deixes de sumarte a esta xeira clave para coñecer Galicia, sempre hai sitio para quen nos ofrece a súa sensibilidade.
