XOVES 25 DE MAIO: O 15-M DOCE ANOS DESPOIS: CRISE DO RÉXIME OU RESTAURACIÓN?


O xoves 25 de maio, ás 18:00 horas, en Portas Ártabras terá lugar a conferencia: O 15-m doce anos despois: crise do Réxime ou Restauración? na que Cristina Fallarás e David Rodríguez dialogan con Xoán Antón Pérez Lema. Acto en colaboración co Consello da Cultura da Galega.

Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, deterioración medioambiental, poshumanismo…. Enchemos de novos termos os andeis do noso pensamento. Asistimos a unha proliferación de palabras e conceptos para enfrontarnos a unha época convulsa.

A economía do efémero demándanos respostas rápidas e simples ante problemas complexos. Pensar sen présas ou debater ideas e visións diversas do mundo ficaron convertidas en actividades de luxo ou en ideas románticas doutros tempos. Agora todo semella moverse na inmediatez das redes.

Porén, o pensamento necesita tempos de encontro, de compartir devagar perspectivas e dúbidas. Propoñémosvos neste ciclo de charlas, debates e intercambio de ideas un tempo compartido para a reflexión, para abordar os problemas da actualidade, para facer redes de conexións e contribuír a que sexamos un pouco máis libres. O vello dictum ilustrado, sapere aude, hoxe deveu máis necesario que nunca. “Atrévete a pensar” é un exercicio a contracorrente, unha pequena revolución cotiá.

Quedades convidadas e convidados a un espazo compartido de reflexión e análise crítica do mundo que nos tocou vivir. Se pensar vos presta, agardámosvos cunha única condición, a predisposición a gozar das palabras compartidas. Iniciado en 2019, o ciclo Pensarmos continúa en 2023 para ofrecernos a oportunidade de encontrarnos con nomes relevantes no pensamento actual que establecerán un diálogo tanto con integrantes da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega como co público asistente sobre temas tan vixentes como feminismo, fascismos, verdade, intimidade, investigación, precariedade ou humanismo.