Seguimos anotando para particpar nesta singular xeira de primavera, a fin de coñecer aspectos insólitos das Terras do Carballiño. Vila nacida da encrucillada, nas ribeiras do Arenteiro e do seu Balneario,caracterizada polas sáus feiras e festas, onde as tradicións arrieiras trunfan e onde a Condesa de Pardo Bazán, casada con Xosé Quiroga do Pazo de Banga se inspirou para novelas tan senlleiras como “El Cisne de Vilamorta” e “Los Pazos de Ulloa”.
Vila de prehistorias, próxima ao antolóxico Castro de San Cibrao das Lás, de antigas minas auríferas, encrucillada que abre a varios ribeiros: ao do Barbantiño, ao do Avia e ao do seu mesmo Arenteiro, terras de vellos camiños medievais ao que asoman templo románicos, tan en relación co veciño mosteiro cisterciense de Oseira, das andanzas de Pepa Loba, de frades misioneiros, de xentes de camiño… Como ben recolleu o Nobel Camilo José Cela na novela “Mazurca para dos muertos”. Lección de historia e arte complementada polos xeniais Lousada Dieguez, como polo escritor Otero Pedrayo, polo arqueólogo Chamoso Lamas, e sobre todo polo arquitecto Antonio Palacios nunha das súas obras cimeiras, o Templo da Veracruz que campa sobre a parte alta desta Vila.
Xeira pois na que nos moveremos arredor destas paisaxes, paisanaxes, arqueoloxías, historias e lendas… esencial para meterse e complementar o universo da cultura galega. E como sempre non faltará o xantar enxebre. Anótate xa e ven con nós.
