1 DE ABRIL: DÍA DAS ARTES GALEGAS 2023 DEDICADO A MARTÍN CODAX


Nas calendas de Abril, isto é o  primeiro día deste mes do ano 1188 e abrindo a primaveras góticas galegas, entre estadas e grúas de madeira o Mestre Mateo dirixe na fachada occidental da catedral compostelá a colocación dos simbólicos linteis do Pórtico da Gloria. Portas que no Extremo Occidente abren á tumba dun Apóstolo íntimo de Cristo, onde converxen os vieiros que van configurando a Europa dos pobos.  Data e feitos que Mateo constata en epígrafe baixo estas colosais e monolíticas limeiras. 

Por iso mesmo cada un de abril debe ser o día dos creador@s, d@s artesáns, d@s teóric@s de todos os tempos e que traballaron e traballan en Galiza para humanizala a través do seu saber.

O pórtico significa, lindeiro, apertura a mundos, pasaxe, iniciación entre o interior e o exterior, entre as tebras e a luz, ascese pois. Pórtico que na fachada do solpor da catedral compostelán expón e representa os saberes que aproximan ao ser humano á divindade, ao humanismo a través da Arte: Arquitectura, Escultura, Pintura, Música, Mitos, Poéticas…. entre un sen fin de símbolos no que un, arrastrado pola tradición, non ten máis que cumprir os ritos de pasaxe: pousar os sentidos, enxergar, tocar, golpear ao Santo dos cabelos encrocados,  fundirse coa esencia da pedra nunha aperta á imaxe do Apóstolo.

Academia Galega de Belas Artes, nacida no 1849, coa ansia de estimular a creación, a salvagarda do patrimonio cultural, órgano consultivo de administración, creadora da Escola de Belas Artes, a dos primeiros pasos de Picasso, de museos, de asociacións, promotora de estudos e de actividades de divulgación, determinou no 2015 instituír un día dedicado a sensibilizar a Arte en Galiza. Entre varias propostas o colectivo académico entendeu, polo devandito, que esa data debe ser o día 1 de Abril, “Día das Artes Galegas”.

A primeira dedicación non podía ser a outro mais que ao Mestre Mateo, logo, no 2016 sería a Castelao, no 2017 a  Maruja Mallo, no 2018 a Alejandro de la Sota, no 2019 a Luis Seoane e no  2020 e 2021, anos de esperanzas truncadas pola pandemia, ao arquitecto ceense Domingo de Andrade( 1639-1712), no 2022 foi ao pintor de Lalín “Laxeiro” . Neste 2023, tal dedicación será ao xoglar do Mar de Vigo Martín Codax, músico e poeta dos primeiros anos do século XIV, ao que xa no 1998, xunto co Mendiño e Johan de Cangas a Academia Galega lle dedicara, como poetas, o Día das Letras Galegas. Martín Codax é autor de varias composicións recollidas en varios cancioneiros, tal como o da Biblioteca Nacional de Lisboa, Colocci Brancuti, na mesma Biblioteca Vaticana e sobre todo no pergamiño Vindel (Biblioteca Museo Morgan de New York), no que atopamos sete cantigas de amigo, profanas pois, seis delas con anotacións musicaes, motivo esencial o do seu aporte á música profana gótica para tal dedicación da Academia Galega de Belas Artes. Lembramos que esta xoia da poesía e da música galega foi exposta no Museo do Mar de Vigo dende outobro do 2017 a marzo do 2018.

O cartel para esta celebración está feito polo académico e pintor Rafael Úbeda