DOMINGO 18 DE DECEMBRO: EXCEPCIONAL XEIRA A OURENSE, O BELÉN DE ARTURO BALTAR.


Con esta xeira poñemos fin ao ciclo 2022. Ano no que, depois da pandemia e segundo as posibilidades, fumos retomando o camiño de “Coñecer Galicia”, furar no seu espírito para querela e defendela.

Para esta ocasión e ampliando o programa, ofrecemos un itinerario baríl, como dirían os afiadores, pois tamén imos á terra destes trotamundos. Recorrido que por “Terra da chispa“, Luintra nos levaría ao gran mosteiro de San Estebo de Ribas de Sil, unha lección de historia da arte e da cultura galega. Paisaxes, paisanaxes, estructuras a través das que furamos na cristianización destas ribeiras sacrás ourensáns. Velaí San Pedro de Rocas que non faltará na nosa visita.

A tarde dedicarémoslla á Catedral de Ourense, á cidade e finalmente achegarémonos a ese singular Belén instalado na Capela de San Cosme e San Damían, o realizado en barro polo “Artistiña” (como lle chamaba Vicente Risco) Arturo Baltar, xunto co museo dedeicado ao seu creador. Nacemento con figuriñas policromadas por Quessada, no que se representa unha aldea galega en tempo de inverno: os titiriteiros, o afiador, o pazo, as humildes casas e tabernas… e tantas cousas dunha tradición hoxe en debate.

Non deixes de celebrar con nos esta xeira festiva, vaite anotando, na que coma sempre, non faltará un xantar do máis enxebre e propio da terra e do tempo. Así colleremos forzas para comenzar o ano 2023 con ilusións acendidas e os mellores desexos de saúde.