En solidariedade co manifesto da Rede do Patrimonio:
Os valores naturais dos nosos montes son coñecidos, os valores económicos están en boa medida sen explorar. Xunto con eles hai que engadir un terceiro valor que lle ven dado polo patrimonio histórico material e inmaterial que neles se agocha.
Dentro das áreas perimetrais dos parques eólicos que se solicitaron ou están en tramitación hai un abondoso patrimonio que permanece oculto e invisibilizado, mal estudiado e peor divulgado.
Hoxendía a Consellería de Cultura e a Dirección Xeral de Patrimonio non fixeron públicos os bens catalogados desas perimetrais dos parques eólicos facendo case imposible que as comunidades máis próximas poidan defender a súa conservación. No momento en que a Xunta de Galicia estableceu as áreas nas que se podían solicitar a implantación de parques eólicos deberiase ter activado un protocolo de seguridade para revisar as catalogacións feitas, as súas ubicacións e amplialas alí onde estas fosen deficitarias. Nada diso se ten feito.
Nas áreas perimetrais dos parques eólicos que se queren construir está parte do noso Neolítico, da Idade dos Metais, hai xacementos romanos, está o noso medievo, a nosa historia … abondan os muros de pedra seca declarados Patrimonio inmaterial da humanidade, hórreos e cruceiros que son Ben de interés cultural por declaración xenérica, todo o que implica o que non se fai, a súa proteccción.
Se non conseguimos unha moratoria eólica, unha boa parte da nosa historia desaparecerá sen que o goberno e as administracións que a teñen que protexer teñan feito nada.
E se todo isto é así co patrimonio material que non poderíamos dicir do patrimonio inmaterial. Os montes están cheos de mouras, de trabes de ouro e de alquitrán, de galiñas con pitiños de ouro que só se ven na mañá do San Xoán… Quen fixo unha recollida exhaustiva de todas esas lendas e relatos antes de que o rostro do país se desfigure de tal xeito e que todo iso se perda? Ninguén! Queda moito por facer e rescatar como recursos culturais que son.
Por iso Amigos dos Museos de Galicia sumanse á Rede do Patrimonio Galego pedindo unha moratoria eólica.
O 5 de Xuño na Praza do Obradoiro faremos visibles estas reivindicacións.
