PREMIO “PEDRA DO DESTINO 2021” A ELIXIO RIVAS, CREADOR DA COLECCIÓN ETNOGRÁFICA DO SANTUARIO OURENSÁN DOS MILAGRES.


Amigos dos Museos de Galicia, dende que se  instituíu no 1977, para cada 18 de maio a celebración do “Día Dos Museos” aproveitan para seguir a sensibilizar sobre a función informativa e formativa destas institucións que recollen, estudan e divulgan aspectos que caracterizan ou rodean ao ser humano. Nesta ocasión, en “Portas Ártabras”,  Felipe-Senén, historiador da cultura galega fixo un recorrido pola situación dos museos galegos en relación con outros do mundo, anotando a falta de espazos, de persoal para a función dos mesmos, tamén como recurso turístico.  Puxo como modelo a obra constante e o esforzo do Museo do Pobo Galego .

Finalmente a directiva do colectivo deu a coñecer o “Premio Pedra do Destino 2021,  co que nesta ocasión se distingue a vida e constancia de don Elixio Rivas, que ademais de estudar as terras da Limia, pouco a pouco reuniu unha importante colección etnográfica no Santuario dos Milagres de Baños de Molgas. Premio que se entregará no outono vindeiro e que  nesta ocasión, a máis do apoio do colectivo, consta dun “rostrillo” do século XVII, en relación co culto mariano, labrada en ouro, peza que conservaba un asociado deste colectivo.