Pasan os días, a corentena – como a mellor solución fronte ao virus – faise longa. O programa de actividades de Amigos dos Museos de Galicia para este ano 2020 queda como unha declaración de intencións do que debía ser e non foi. A máis de ir saíndo sans e salvos, agradecemos tamén este tempo de confinamento pra reformulacións ante o reto de seguir uníndonos nun colectivo que ten como base o humanismo, a cultura.
Atrás quedaron actividades por facer: as viaxes, as conferencias, entre elas o ciclo de simbolismo, impartido polo enxeñeiro García Dornelas, as celebracións de abril como Día das Artes Galegas, dedicado neste ano ao arquitecto Domingo de Andrade, o 18 como Día dos Monumentos e dos Sitios, a celebración dos Maios e deste mes as flores o 17 como Día das Letras Galegas, dedicado ao profesor Carballo Calero, o 18 Día dos Museos…. Mais o que importa agora é aprender a lección dada sobre a fraxilidade do ser humano e do mundo, vivencias experimentadas que implican mudas no comportamento e a non dar a esquecemento.
Así que velaquí seguimos, detrás dos nosos teléfonos e da informática, como vehículos de comunicación. E facémolo co ansia de servir e manter a amizade entre @s soci@s de Amigos dos Museos e Galicia.
Agradecemos as mensaxes recibidas e contestadas. Sabendo tamén que as nosas Portas Ártabras seguirán abertas nas horas de sempre, dispostas a recibir e a servir o xeito que se poida.
Conforme pasen os días iremos informando. Polo de agora a pensar e a organizar o noso mundo pra esa enigmática ”nova normalidade”.
A mellor e máis sentida aperta
Felipe-Senén
Tfnº. 630930298