NOVA PROPOSTA DE ATENTADO CONTRA O ANTOLÓXICO CASTRO DO FARAMELLO


Nova proposta de atentado contra o antolóxico Castro do Faramello

Por Felipe-Senén

O patrimonio cultural galego vese cada vez máis ameazado polas diferentes formas de mercantilización. En especial os xacementos arqueolóxicos contra os que tentan, a máis do inevitable  paso do tempo e a meteoroloxía, a ignorancia e o vandalismo, incluso oficial:  traballos forestais, agrarios, viarios, urbanísticos, publicidade, antenas, tendidos eléctricos, eólicos, depósitos de auga, conducións, intervencionismo…. Entre os máis ameazados as mámoas, eses túmulos megalíticos que asoman sobre terras de gandaría e agrícolas, igual os habitats da protohistoria e dos primeiros anos da historia, tan característicos destes confíns: os castros. Recursos culturais que poñen a proba as súas permanentes condicións xeoestratéxicas, en orixe defensivas e ofensivas e na actualidade  para outros fins.

Os castrosos máis erguidos sobre montes escollidos, protexidos das inclemencias do tempo, rebordecháns ou penicháns de media altura, “castrados”, pra defendelos con foxos, murallas,  torres e facelos habitables.  Dominan áreas ricas en minería, agricultura, gandaría, camiños, baías… Nun pasado inmediato ideais pra chantar sobre eles cartelóns publicitarios, lembramos aqueles coa silueta do touro negro de Osborne, outeiros hoxe na mente dos topógrafos de redes de comunicación ou eléctricas,  ideais pra erguer sobre eles antenas ou torres pra o tendido eléctrico, cando non depósitos de auga. Ao respecto debería marcar precedente a sentencia de contencioso (4758/ 2 -11- 65)  nada máis que contra FENOSA, empresa obrigada a retirar o tendido eléctrico que afectaba ao Castro de Elviña, na Coruña, declarado Monumento Histórico Artístico en 1962 Ben de Interese Cultural) retirada, en parte, recentemente, cincuenta anos despois… e máis foi polo interese urbanístico que polo cultural.

Ameaza a monumentos que debera estar baixo a vixilancia dos “poderes públicos”, eses que segundo o artigo 46 da Constitución Española teñen a obriga da salvagarda do Patrimonio Cultural dos Pobos de España, entre unha ampla lexislación, autonómica e local ao respecto, arroupada de concelleiros, consellerías, delegacións territoriais “de cultura e patrimonio”. Leis e administracións pra “salvagarda” non faltan  pero que incumpren os mesmos que as ditan.

A estas alturas da democracia e do que se di progreso,  salta unha nova ameaza nun contexto especialmente “sagrado” , cerna de historia e etnografía: o Faramello, vértice, onde coinciden  os concellos de Rois, Teo e Brión. Territorio sobre o que asoma o Castro Lupario, coñecido tamén como do Faramello, de Francos, de Sixto ou de Beca, polo nome das aldeas que o arrodean, como tamén de San Antonio, pola ermida dedicada a este santo nas abas do mesmo. Aínda que Lopez Ferreiro na súa Historia da S. A. M Iglesia de Santiago (tomo I) cree que o  Castro Lupario , que tanto se cita na Crónica Compostelana, é a Torre de Lobeira, en Vilagarcia… Castro do Faramello, referenciado por Juan  Rodriguez de Padrón (S, XV), polo licenciado Molina, por Juan de Azcona no 1532 ,  visitado por Mauro Castella Ferrer no inicio do XVII pra  documentar a súa Historia de Santiago, citado no XVII por Xerónimo del Hoyo… e sempre en relación coa mítica Raíña Loba, tal como se conta nas “Acta Sanctorum”, textos sobre a vida dos Santos, entre eles o de Santiago e da Translatio do seu corpo morto…..lenda que se entende de orixe precristián, con elementos célticos irlandeses. Tema atendido polo profesor Xosé Carlos Bermejo Barrera e en especial por Mar Llinares en “ Mouros, ánimas, demonios” (1990) ou máis recentemente Antonio Balboa Salgado en “A Raiña Lupa, as orixes pagás de Santiago” (Santiago 2005).

Un xacemento arqueolóxico prioritario entre os castros galegos

Asentamento erguido sobre un entorno privilexiado da Maía, del dise ser a antiga Amaia,  capital do grupo indíxena dos amaenos, coutado entre os meandros do Sar.  Augas e sitio  no que o Marqués de Piombino funda no 1701 as primeiras fábricas de papel, as que abastecerán os tempo de Felipe V….  Lugar por onde pasa a vía romana de Lucus a Iría, pra empatar coa “per loca marítima”, con importantes mansións. Recorrido da Translatio, Camiño Portugués, Camiño Real, situado entre as parroquias de Calo e Riba de Sar, mesmo o topónimo Faramello, como tantos co sufixo “far” , Faramontaos, Farelo… pode facer referencia a pedra esfaragullada, miúda, aos restos das construcións.

Castro sobre o que no medievo e constrúe a torre de Sixto, rodeado de lendas, onde se conta que tiña morada a Raíña Lupa.  Singular outeiro nese xogo da Oca, camiño de aventuras e desventuras, de sorte , que supón  transportar o corpo do Apóstolo íntimo de Cristo, punto clave, xunto con Santiaguiño Monte, o Pedrón,  Iria, a cidade Dugium, os bosques Ilicinio e  o Libredón…non temos máis que ler esoutro clásico do tema, autor de “La tumba del Apóstol Santiago” (1924) Manuel Vidal Rodriguez, coñecedor dos sitios, metido nesas cuestións apelidadas célticas e druídicas.  Lugar de inspiración tamén para a novela “Fida, la hija del ultimo druida galaico” (1951) na que con certa inxenuidade, pero con saber de mitos e arqueoloxía SE reconstrúeN os espazos e os tempos da cristianización da Gallaecia;  obra  escrita polo compostelán xesuíta, xeólogo e arqueólogo, Xesús Carvallo Garcia (1874-1961), referente na prehistoria cántabra.

No 1970 o Departamento de Arqueoloxía da Facultade de Xeografía e Historia, o que entón dirixía o catedrático Alberto Balil Illana, a través dos seus colaboradores, Fernando Acuña Castroviejo e Merecedes Cabana, realizan neste xacemento unhas prospeccións con importantes resultados: localización de petróglifos, delimitando o espazo da torre medieval, atopando cerámicas romanas e un tesouriño formado por moedas que van dende os primeiros anos da romanización ata o século IV. Materiais que supoñemos na Facultade compostelán.

Castro que reúne pois todos os argumentos para ser protexido, para a súa declaración como B.I.C. Nun contorno cargado de fondos valores arqueolóxicos, históricos, etnográficos, literarios, paisaxísticos…. Próximo a Iría Flavia e a Padrón, ao Santuario da Escravitude, “locus amoenus” pra Murguía, Rosalía, Cela…e tantos, Son as mesma “Orillas do Sar” que inspiraron a Rosalía e que pintou en tardiñas de merendiñas, aínda sendo un rapaz o malogrado Ovidio Murguía. Castro hoxe cuberto polos toxos e as xestas, niño de serpes, solitario, onde se ollan ao paso  os restos das murallas, anacos de tégulas romanas.

Argumentos que avalan a prioridade entre os xacementos castrexos, pois no 2009 incoase expediente para declaración do Castro do Faramello  como B.I.C, e agora , dende as perspectivas do noso tempo, parece entenderse o seu  interesado “traspapeleo” e demora. Pois a compañía Red Eléctrica Española desvela o proxecto de pasar un tendido eléctrico de alta tensión polo mesmo castro, o que provoca a sensibilidade e as denuncias dos que coñecen a historia.

Vestixios que a tradición e despois de miles de anos conservou até nós, que debemos deixalos en herdo, mellorado, ao futuro, coa mesma paixón que fai un século, Manuel Vidal  levaba alí a canto sabio se movía polos claustros da catedral e da universidade compostelán…coñecer para querer….e defender, esencial na cultura e no progreso dun pobo.

Escáner_20200312 (2)-001.jpg

Escáner_20200312-002.jpg

Escáner_20200312-001.jpg

 

Castro Lupario - Debuxo F.Senén.jpg

Faramello - Debuxo F. Senén..jpg