O PARADOXO DE COMBARRO: INSTAR AOS “PODERES PÚBLICOS” A RECUPERAR O PATRIMONIO PÚBLICO


Combarro, 15 de febreiro de 2023

Este mércores 15 de febreiro unha representación das asociacións Amigos dos Museos de Galicia e de A Solaina de Combarro mantiveron unha entrevista coa delegada Provincial de Economía y Hacenda, Lucía E. Rodríguez, para coñecer en que situación se atopaba o expediente da “casa barroca” de Combarro, comprada en 1973 polo Ministerio de Educación e Ciencia para Museo do Mar e, neste momento, rexistrada a favor dun particular no Catastro de Pontevedra.

A comisión que se entrevistou coa delegada estaba presidida por Rafael Vallejo Pousada, presidente da Asociación cultural A Solaina de Combarro e catedrático de Historia Económica da Universidade de Vigo, e por Felipe Senén López, presidente de Amigos dos Museos de Galicia, que foi director do Museo Arqueolóxico de San Antón da Coruña e actual secretario da Real Academia Galega de Belas Artes.

Amigos dos Museos de Galicia fixera xestións nos Ministerios de Cultura e Hacienda, en 2016, para que se clarificase a titularidade da “casa barroca” comprada no seu día para Museo do Mar en Combarro. Á súa vez, a Asociación A Solaina presentou o 3 de marzo de 2021 un detallado informe sobre esta “casa barroca” combarresa ao Ministerio de Cultura, no que revelaba como Javier Tusell, director xeneral de Bellas Artes informaba, o 14 de xullo de 1981, que esta casa de Combarro, “de la que fue propietaria Da. Florinda Salgueiro Romero, fue adquirida en 150.000 pts. en 1973 y abonada en su momento”.

Neste informe da Solaina de marzo de 2021 tamén se explicaban as xestións feitas pola familia Romero Fernández de Combarro para impedir a inscrición deste edificio monumental no Rexistro da Propiedade de Pontevedra, en favor dun particular sen títulos suficientes para acreditar esa propiedade, cousa que se logrou en 2021. Adicionalmente, A Solaina achegaba información precisa sobre a oficina onde se atopaba en Uruguai o testamento de Florinda Salgueiro, cuxa consulta sería decisiva para clarificar a sorte desta casa barroca.

O informe da Solaina foi enviado tamén á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, á Deputación Provincial, ao Delegado provincial de Economía y Hacienda, e ao Concello de Poio. De feito, A Solaina entrevistouse dúas veces, en 2021 e 2022, coa Subdelegada do Goberno, e outras dúas co anterior delegado provincial de Economía y Hacienda, a última o 14 de xuño de 2022. Nesta transmitiulle que o Concello de Poio lograra unha copia do testamento de Florinda Salgueiro, en que nomeaba herdeiros a dous sobriños seus de Uruguai. Había datos, pois, para que Facenda revisase o expediente feito sobre esta casa barroca, e cualificara esta, a efectos catastrais, en situación de “en investigación”.

Co acordo unánime dos tres partidos políticos representados no Concello de Poio, unhas semanas despois enviábase, desde a alcaldía de Poio, o testamento ao Delegado Provincial de Economía y Hacienda, e pedíalle revisar, á luz da información achegada polo devandito testamento, a situación deste emblemático ben cultural de Combarro.

O 20 de xullo de 2022 a Asociación A Solaina envioulle nova documentación ao Delegado de Economía y Hacienda, que lle sería útil para “clarificar nesa Delegación e nas oficinas do Catastro en Pontevedra, a verdadeira titularidade desta vivenda”.

Pasados varios meses desas xestións, a Asociación A Solaina e Amigos dos Museos de Galicia, non tiñan constancia das conclusións ás que se chegou no Catastro de Pontevedra e na Delegación de Economía y Hacienda. Dado que en outubro de 2022 foi nomeada unha nova delegada provincial, entenderon que era oportuno pedir entrevista con ela para tratar este asunto. Esta reunión, concedida de inmediato por Lucía E. Rodríguez, celebrouse este mércores 15 de febreiro. A ela tamén asistiu o funcionario das oficinas catastrais que tramitou o expediente desta “casa barroca”, así como o tesoureiro da Solaina e unha representación da familia Romero Fernández de Combarro.

A Solaina e Amigos dos Museos, a través de Rafael Vallejo e Felipe Senén López, transmitiron a súa preocupación sobre a situación actual desta casa barroca de, entenden, titularidade pública, pero rexistrada a nome dun particular no Catastro de Pontevedra. Achegaron novas evidencias sobre o trámite que levou á expropiación e compra no seu día desta casa. E, sobre todo, puxeron de manifesto o que entendían erros e omisións no expediente feito no Catastro de Pontevedra entre 2016 e 2021. Un deles, o máis relevante pero non o único, é o de non investigar a realidade dos herdeiros certos de Florinda Salgueiro. Ela morreu en Uruguai en 2000, testou en Uruguai igualmente, e os seus herdeiros son dous sobriños uruguaios. Florinda Salgueiro non deixou ningunha herdanza aos seus familiares afastados (curmáns ou sobriños) de Combarro. Por tanto, a investigación das oficinas catastrais de Pontevedra non seguiu a auténtica liña de herdanza, feito que tamén revelou a representación da familia Romero Fernández nesta reunión. Podería haber, indicaron os reunidos coa delegada, un posible problema de legalidade no trámite feito nas oficinas de Pontevedra.

Máis relevante aínda é que, nese testamento, non figura ningún ben en Combarro. Por tanto, tampouco figura a “casa barroca” en cuestión. Por que non figura? A comisión reunida coa delegada de Economía y Hacienda entende que a razón é que esa casa foi comprada e paga en 1973. Felipe Senén López, que traballaba entón con Manuel Chamoso Lambas, o etnógrafo promotor do Museo do Mar de Combarro, e que coñece ben todo o relacionado coa concepción e o trámite deste e dos outros Museos de Artes e Costumes Populares que Chamoso promovía en Galicia, achegou á delegada o testemuño directo sobre a compra en 1973 da casa barroca, transmitido por Chamoso Lamas, ao que se lle informou, naquel mesmo momento, desde a delegación de Educación e Ciencia de Pontevedra.

O Ministerio de Educación y Ciencia trasladara a Pontevedra a orde de pago, en xullo de 1973, para que este fose realizado con cargo á “aplicación” orzamentaria 18.08.611/73, dos orzamentos xerais do Estado para 1973. Esta mesma información trasladóuselle desde o Ministerio de Educación y Ciencia, en xuño de 1973, ao Conselleiro Provincial de Belas Artes de Pontevedra, Xosé Filgueira Valverde: “ESTE MINISTERIO ha resuelto aceptar como justiprecio fijado por mutuo acuerdo entre la Administración y el expropiado en este expediente la cantidad de 150.000 ptas. la cual se librará con cargo al crédito 18.08.611 del vigente presupuesto de gastos del Departamento a favor de Da. Florinda Salgueiro Romero a través del Pagador Provincial de Servicios del Ministerio de Educación y Ciencia en Pontevedra”.

A delegada de Economía y Hacienda mostrouse receptiva á información transmitida por estas dúas Asociacións. Comprometeuse a revisar, de acordo coas oficinas do Catastro de Pontevedra, o expediente sobre esta “casa barroca”. Tamén a requirir, de ser necesario, o asesoramento da avogacía do Estado sobre este particular. Asumiu o compromiso de manter unha comunicación directa con ambas as asociacións, co fin de telas informadas dos resultados destas novas actuacións.

Pola súa banda, Amigos dos Museos e a Asociación A Solaina informaron á delegada de Economía y Hacienda de que ían facer xestións, nos próximos días, cos partidos políticos con representación no parlamento de Galicia e nas Cortes españolas, a fin de comprometelos na busca dunha solución satisfactoria para o patrimonio cultural de Pontevedra e de Galicia. Así mesmo van solicitar asesoría, por se nas accións ou omisións reveladas no expediente aberto no Catastro de Pontevedra, puidese haber irregularidades ou algún tipo de ilegalidade, para, chegado o caso, pedir que se poña o actuado en mans da Fiscalía da provincia de Pontevedra ou da Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia. Estamos ante a defensa dun ben de interese cultural, e ambos colectivos non van escatimar medios para que volva á plena titularidade pública.

Asdo: Felipe Senén López, presidente de Amigos dos Museos de Galicia  Asdo: Rafael Vallejo Pousada, presidente da Asociación A Solaina de Combarro.