XOVES 23 DE SETEMBRO: CONFERENCIA DE XESÚS TORRES ARREDOR DE ÁLVARO CEBREIRO


O xoves 23 de setembro, ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a conferencia do escritor e mestre Xesús Torres titulada: ÁLVARO CEBREIRO (1903- 1956) CARICATURA, HUMORISMO, ILUSTRACIÓN.

Aforo limitado é preciso reservar no 630930298

Xesús Torres Regueiro (Betanzos, 1957). Diplomado na Escola de Formación do Profesorado da Coruña en 1978. Mestre por oposición desde 1979, traballou no ensino público durante trinta e oito anos ata a súa xubilación, compatibilizando a súa profesión coa dinamización cultural e investigación histórica. 

Vencellado ao asociacionismo cultural de base na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e na desaparecida Asociación Cultural Betanceira (da que foi cofundador e presidente). En 1992 promoveu a fundación en Betanzos da Asociación Cultural Eira Vella, entidade que aínda desenvolve a súa actividade. Coordinou “A Xanela, Revista Cultural das Mariñas”,  editada por esta asociación semestralmente entre 1996 e 2016.

Ten publicado numerosos estudos históricos e colaboracións na prensa (A Nosa Terra, Betanzos e a súa comarca,…) e tamén noutras publicacións culturais, asociativas ou locais (Anuario Brigantino, Xermolos, A Regueifa, Areal, Adra, A Xanela…)

É autor dos libros: “Xoán Vicente Viqueira e o nacionalismo galego” (Edicións do Castro, 1987); “Alcumes recollidos en Betanzos”, con Xulio Cuns, (Concello de Betanzos, 1989); “A II República nunha vila galega. Betanzos, 1931-1936” (Ediciós do Castro, 2004);  “Betanzos na historia” (Ed. A Nosa Terra, 2005), “As fontes no concello de Betanzos”, con Antón García, (A.C. Eira Vella, 2012) e “Álvaro Cebreiro. 1903-1956. Caricatura, humorismo, ilustración” (Deputación provincial de A Coruña, 2020).

Colaborou nos libros colectivos: “Homenaxe a Xosé Mª Díaz Castro” (A. C. Xermolos, 1987); “Os Conquistadores Modernos. Movemento obreiro na Galicia de anteguerra” (Ed. A Nosa Terra, 1992); “Pregoeiro da luz. Homenaxe literario a Alfonso Blanco Torrado” (A. C. Xermolos, 1993); “Manuel María” (A. C. Xermolos, 2001); “Instituto Francisco Aguiar. 50 aniversario (1952-2002)” (I.E.S. Francisco Aguiar, Betanzos, 2002), “Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo” (Comisión Irmáns Suárez Picallo, 2009) e “As Irmandades da Fala (1916-1931)” (Edicións Laiovento, 2016).

Tamén compilou o libro “Betanzos na voz dos poetas” (Concello de Betanzos, 1994) e é autor dos monográficos “Mariñana, unha revista ilustrada na Sada de 1925” e “Filomena Dato Muruais. A poeta das Mariñas” (Cadernos de Estudos Locais 2015 e Cadernos de Estudos Xerais, 2018, da A. C. Irmáns Suárez Picallo).

Dende 1983 ven publicando asiduamente no Anuario Brigantino (do que é membro do seu comité científico) diversos traballos e monografías sobre a historia de Betanzos e de Galicia. Todos eles poden consultarse en Internet na páxina http://anuariobrigantino.betanzos.net/

[Algúns deles son: A prensa betanceira; Os animadores da prensa local; A Irmandade da Fala de Betanzos; Os Caneiros dos inicios; Cen anos de programas de festas; Os inicios do movemento obreiro e agrario; O humorista Manuel Roel; O Gaiteiro Rilo; A chegada da luz eléctrica; O artista betanceiro Manuel Crestar Díaz; O Centro Betanzos de Bos Aires; As vítimas betanceiras da represión; Manuel María e Betanzos; A morte e enterro de Curros na prensa betanceira; Nove poemas galegos e un conto de Salvador Golpe; A estrea na Galiza de Os vellos non deben de namorarse; A emigración betanceira a América; O cartaz das festas da Coruña de 1907; As actas da IV Asemblea Nacionalista; Oliveira Guerra ao encontro da Galiza; Un achegamento á Falange local, Betanzos e Untia a comezos do século XIII, …]