NOTICIAS

NA REDE DE PATRIMONIO CULTURAL GALEGO



Cando hai administracións anestesiadas na burocracia entón bulen e desbordan por algures iniciativas populares que artillan a sociedade coa ansia de servir. Exemplos de asociacionismo nacido para poñer en valor a cultura galega, haber hainos e velaí a marea de iniciativas dos anos modernistas: no 1923, arredor de Lousada Diéguez e como motor a personalidade de Castelao, o Seminario de Estudos Galegos; no 1963, o Laboratorio de Formas de Galicia, ideado por Seoane e Díaz Pardo, motor ideolóxico das “Industrias da Memoria”, O Castro, Sargadelos e o que debería ser o Instituto Galego da Información … no 1976 o Museo do Pobo Galego, creado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza coa suma de intelectuais con raiceiras.





Pese ao estado da cuestión poucos países hai que teñan tantos colectivos con estatutos e obxectivos arredor da salvagarda e difusión da cultura, grupos, corais, asociación de amigos... E agora, asumindo a importancia dos intercambios incentivados pola internáutica, ponse a proba a capacidade creativa e comunicativa. Compre interacción, poñer en escena o estado da cuestión:coñecer para querer e defender a singularidade na universalidade. Pois tamén somos o que transmitimos, o que facemos e o que desfacemos. E neso dun rico patrimonio cultural, que vai dende o Paleolítico ao presente, Galiza ofrece de todo, recursos identitarios e polo tanto económicos, turísticos que precisan xestionarse racionalmente, sen perder tempo enredándose en reunións pras seguintes reunións. Modelos con problemáticas similares, pero resoltas, hainos no mundo inmediato e compre tomar nota, enxergalos, en Irlanda ou Provenza, mesmo Portugal.





O 3 de Xuño deste 2017,no Museo do Pobo Galego e despois dun proceso de poucos meses de maduración aguilloado polo pulo da necesidade de ser e de unirse, sesenta e nove colectivos que vencellan a homes e mulleres sensibles coa identidade nun mundo que se uniformiza, de xeito fundacional poñen en marcha a Rede do Patrimonio Cultural de Galicia e con el as ansias de constancia e servizo á sociedade.





Como definición e primeiros obxectivos compre entender a riqueza e variedade do Patrimonio Cultural Galego, material e inmaterial, o seu eventual estado da cuestión, a potencialidade identitaria e económica como recurso permanente que debe ser conservado, rehabilitado, revitalizado, estudado, documentado, transmitido e divulgado dende criterios racionais, profesionais, en equilibro de tradición e contemporaneidade. Fins aos que poden sumarse cantos colectivos coincidan e queiran traballar en común. Servirá así a rede como visualización e troque de experiencias e angueiras, entre elas os atrancos burocráticos cos que se tropeza e que son de xestión, legais, de canto supón a Arte, a Arqueoloxía, a Etnografía ou a Museoloxía, ciencias  merecedoras dun progreso normal en Galiza. Pois velaí redepatrimonio.gal. 





Como principio base asúmese o papel da educación, a que tanto abrangue ao ensino básico, como ao universitario e fundamentalmente aos medios de comunicación, coa necesidade de informar para formar, regar sobre realidades, sensibilizar que é poñer en marcha os sentidos. Incentivando así as relación coas áreas veciñas que condicionaron a nosa cultura, especialmente atlánticas, mirar máis aló do embigo. Norte que deben buscar as universidades de Galiza, o Consello da Cultura Galega, as Academias e  tanto organismo público, comisións, adxectivadas  teoricamente“de cultura”.  A Rede tenta ser unha entidade formalizada administrativamente co obxectivo de participar en procesos públicos.





Nesta relación sacase á luz o lamentable estado da cuestión de monumentos de diferentes titularidades, moitos deles pese a estar declarados BIC, tal como os de declaración xenérica: cruceiros ou escudos ( 571/ 1963;  a dos cabaceiros, hórreos ou canastros  (449/1973); a de  castelos (Decreto 22 abril 1949)... Facendo cumprir esa  “sacrosanta” Constitución, que no artigo 46 obriga aos poderes públicos á promoción e á salvagarda do patrimonio histórico, cultural e artístico... comezando polos “poderes” inmediatos, os concellos … Á vista da degradación a necesidade de urxentes coidados e protección de tan variado repertorio de petróglifos, a perda das  tipoloxías de valados e peches, hoxe comercializando os seus chantos de pedra como “rústica”… o progresivo deterioro de labras de pedra, afectadas pola erosión … o intervencionismo, o hiperenxebrismo campante, tantas veces oficial, que leva a suprimir recebos de cal, encintados, zócalos, a perda da cor tradicional das fachadas, de sabias solucións populares como as cubertas de cunchas, despois o gresite, o azulexo … A perda dun rico e variado material etnográfico, tipoloxías de carros, embarcacións, apeiros labregos, mariñeiros, artesanías … o control do comercio ilegal. Sumando a tal problemática a falla de atención ao descoñecido patrimonio que albergan clausuras relixiosas, o Exército, como maior atención ao patrimonio fabril, a vellas infraestruturas ferroviarias,  base da Arqueoloxía industrial, na que tanto está por facer, como na Etnoarqueoloxía ou na Arqueoloxía experimental. Xa non digamos a reconversións de romarías, cando non mediatizadas polo  paternalismo institucional ou degradadas en macrobotellóns e vandalismo: os Caneiros, o Naseiro, San Xoán, Berro Seco, Magostos… a indiscriminada proliferación de graffiteiros desnortados... Alarmantes xeitos de “feismo”, efectos cunha causa política, a anomia, a degradación cultural, a crise de identidade...Temas asumir e  para un debate permanente.





Item máis probas dunha mala xestión, o descontrol de áreas atractivas, como O Tegra, Fisterra, Dunas de Corrubedo, Torre de Hércules, Teixido, as Catedrais, Illas Atlánticas … carentes dun centro de recepción de visitantes que regule controle  o acceso, que xunte servizos necesarios, previos e posteriores á visita: información, centro de interpretación, museo, audiovisuais,  wcs, marchandaising, librería, cafetería, taberna, restaurante...a fin de evitar esa tendencia ao chabolismo “provisional”.  E dende esa ótica que arrodea a xestión do recurso non debemos esquecer, como primeira lección turística a que ofrece dende o medievo Compostela, nacida e organizada para dar servizo á peregrinación, a canto supón o patrimonio da súa catedral.





E atención a canto queda por dicir en relación cos recursos culturais gastronómicos, artesanais, ecomuseos, por exemplo coa arquitectura do pan, agras, hórreos, muíños, fornos … coa gandería, os queixos; coa viticultura e a vinicultura, museos do viño, como escaparates asociados a adegas, a talleres de produción artesanal … oleiros, ferrerías, carpinteiros de ribeira, fábricas de papel,  cordaneiros, curtidoiros, de xabón, complexos mineiros, volframio, portuarios...E conseguintemente a potenciación artesanal e con ela o reediseño do souvenir, nun  país de “milmañas”, tan rico en experiencias de ourivería, prata, acibeche, no tear, encaixes, cestería, cantería, carpintería, ferrería, o universo dos oleiros e das formas tradicionais sobre as que compre recrear.





Rede de Patrimonio Cultural Galego que é chamada urxente á coordinación entre diferentes administracións, estatais, autonómicas, locais, especialmente consellerías implicadas en temas de patrimonio, cultura, agro, cha, infraestruturas, turismo, mar, portos … Ideas, coordinación e constancia.



 




Fecha: 08/07/2017


artigos
conferencias
exposicións
próximas xeiras
comunicados
Ligazóns  |  Aviso legal  |   Desarrollo web: Brigantia