XOVES 12 DE MAIO: PRESENTACIÓN DE CARVALHO SEMPRE DE LUÍS G. SOTO E TAREIXA ROCA


O xoves 12 de maio ás 20 horas, terá lugar en Portas Ártabras (Sinagoga, 22 -A Coruña) a presentación do libro: “CARVALHO SEMPRE, ALUSTRES DE VIDA E OBRA” de Luis G. Soto e Tareixa Roca editado por Espiral Maior, no acto, alén dos autores participará o editor: Miguel Anxo Fernán Vello.

Entrada libre ate completar aforo.

Tareixa Roca (Guitiriz, Lugo, 1956), catedrática de ensino secundario de Lingua e Literatura Galegas, é membro da primeira promoción de licenciados en filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, tendo sido alí alumna de Carvalho Calero. Traduciu do francés para o galego, con Luís G. Soto, a obra de G. Hottois e J.-N. Missa ( dirs.), Nova enciclopedia de bioética (2005); Do galego ao castelán Paz, guerra y violencia (Espiral Maior, 2006); e do galego para o castelán, xunto con C. A. Molina e Luís G. Soto, Eume ( Pre-Textos, 2008). Editou, con tradución do castelán ao galego e notas, unha antoloxía da poesía de César Antonio Molina, Soños nos cantís (Espiral Maior, 2006).

Luís G. Soto (A Coruña, 1956) é licenciado en Dereito (1978) e en Filosofía (1979) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Doutor en Filosofía (USC, 1986) e doutor en Dereito (Universidade Autónoma de Madrid, 2010). Desde 1989 é profesor de Filosofía Moral na Facultade de Filosofía da USC. Redactor do Código Ético da USC.

Ademais de artigos en revistas españolas e estranxeiras, e en obras colectivas, publicou os libros: Outramente Barthes (Nova Renascença, Porto, 1988); Paz, guerra e violencia (Espiral Maior, A Coruña, 2003); Aristóteles (Baía Edicións, A Coruña, 2003); a tradución ao galego de G. Hottois e J.?N. Missa (dirs.), Nova enciclopedia de bioética (USC, 2005), premio “Mellor libro do ano 2005”; Paz, guerra y violencia (Espiral Maior, A Coruña, 2006); O espírito da letra (Espiral Maior, A Coruña, 2008); Teoría de la justicia e idea del derecho en Aristóteles, (Marcial Pons, Madrid-Barcelona-Buenos Aires, 2011); O labirinto da saudade (Laiovento, Santiago de Compostela, 2012), Premio Carvalho Calero 2012; Barthes filósofo (Galaxia, Vigo, 2015), Premio Ramón Piñeiro 2014; Meditação sobre a saudade (Zéfiro, Sintra, 2015); Outros e novos queixumes. De filosofía e literatura en Queixumes dos Pinos de Eduardo Pondal (USC, 2019) e a tradución ao galego de H. Heine, O Mar do Norte. Die Nordsee (Espiral Maior, A Coruña, 2015).

Á volta de trinta anos, sen chegar nunca a desaparecer, temos outra vez connosco a Carvalho: Letras Galegas 2020. Ao longo destes trinta anos, e desde antes, tanto pola súa obra como pola súa persoa non deixou de interesar e de inquietar.
Ao noso entender, a razón dese interese e desa inquietación persistentes reside na importancia e na fertilidade da súa obra científica e artística, así como no relevo e na aura da súa traxec- toria persoal. Carvalho é autor de estudos de referencia, non apenas histórica e aínda hoxe, sobre a lingua e, mormente, sobre a literatura galegas. Mais, tamén posúe unha moito salientábel produción artística, con títulos remarcábeis tanto na poesía, can- to no teatro, como na narrativa. E, alén diso, a súa vida, desde os tempos de estudante, tivo sempre unha dimensión pública: política, nos anos xuvenís; ética, de compromiso público, acompañando o seu labor de profesor.
Eses factores colocan a Carvalho, na nosa opinión, nunha posición, ao mesmo tempo, central e marxinal na cultura galega contemporánea, incluíndo a situación actual. Porque representa, coa súa obra e a súa vida, moito do que se fixo e do que hai que facer, mais tamén parte daquilo que non se fixo e, mesmo, non se quere facer. Para uns, desde unhas perspectivas, Carvalho está no centro ou núcleo da espiral; outros, desde outras posicións, sitúano no foco ou ollo do furacán.