XOVES 31 DE MARZO: DE CEE A COMPOSTELA. A FIGURA DE DOMINGO ANTONIO DE ANDRADE


O xoves 31 de marzo ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a presentación da nova publicación de Amigos dos Museos de Galicia: DE CEE A COMPOSTELA: Un achegamento á figura de Domingo Antonio de Andrade, de Victor Manuel Castiñeira Castro, historiador e Técnico de Cultura do Concello de Cee.

Cada asistente recibirá un exemplar do libro de balde. Entrada libre ata completar aforamento.

Afortunadamente, cada vez son máis numerosos os traballos de investigación e divulgación sobre a importancia e transcendencia da obra dun dos grandes xenios do Barroco que deu Galicia: Domingo Antonio de Andrade. Ainda dando unha visión de conxunto da súa monumental obra, non pretende este libro facer una análise formal da mesma, por ser algo xa ben coñecido.
O noso proposito, moito máis modesto, é o de amosar como o artista, natural de Cee, non perdeu nunca o vinculo coa súa vila de nacemento, aínda que sexa loxicamente Compostela o lugar no que deixou a maior parte da súa impronta. Intentamos achegarnos á realidade que lle tocou vivir de neno e nos seus anos mozos nunha pequena vila alonxada pero moi vencellada á capital. Unha vez instalado na mesma, Andrade non deixaría de manter a relación cos seus antigos veciños facendo diferentes encargos para a igrexa de Santa María da Xunqueira. Por desgraza, a queima do templo parroquial ceense debido a invasión das tropas francesas en abril de 1809 fixo que se perderan para sempre os dous retablos e a lámpada de prata que o gran mestre fixera para a igrexa na que foi bautizado no ano 1639.

VICTOR MANUEL CASTIÑEIRA CASTRO

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1995), obtén o grao pola tese “Dinámica sociodemográfica del finisterre gallego, 1600-1860” (1996).
A súa labor investigadora, que inclúe libros e numerosos artigos tanto en revistas especializadas como na prensa escrita, céntrase na comarca de Fisterra (séculos XVI-XIX), e moi especialmente en todo o relacionado co seu concello natal, aínda que tamén ten feito traballos de demografía histórica e emigración para o século XX, así como unha primeira aproximación á historia da Costa da Morte.
Na súa faceta como divulgador da historia de Cee hai que salientar as súas conferencias nos centros de ensino, a colaboración con asociacións culturais e os seus artigos que abarcan diferentes temas como a poboación, a emigración, a invasión francesa, a prolongación do camiño xacobeo e os antigos hospitais de peregrinos, a pesca, o patrimonio histórico-artístico, e tamén a figuras senlleiras ceenses como Fernando Blanco de Lema ou Domingo Antonio de Andrade. No caso deste último, foi o responsable da organización das actividades que tiveron lugar en Cee para a divulgación da súa obra, tanto no ano 2012 (Tricentenario do seu pasamento) como no 2020 con motivo do Día das Artes Galegas a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes.
Actualmente, e co gallo do Ano Santo Xubilar 2022/23 e coronación canónica pontificia da patroa de Cee, a Virxe da Xunqueira, está a investigar e profundizar na historia da súa parroquia co obxectivo de publicar un libro que recolla os fitos máis importantes da mesma e da vila de Cee nos últimos cinco séculos.