XOVES 24 DE MARZO: ÁNGEL ARCAY PRESENTA “LAS 1001 RECETAS DEL PALACETE DE LAS MENDOZA”


O xoves 24 de marzo ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a presentación do libro de Ángel Arcay Barral “Las 1001 recetas del Palacete de las Mendoza”, no acto ademais do autor participará Ernesto Vázquez Rey (Presidente de Amigos do Museo de Pontevedra), que tamén colabora na publicación.

LAS 1001 RECETAS DEL PALACETE DE LAS MENDOZA
Trátase dunha obra que recolle a transcrición de 1001 receitas elaboradas polas irmás Mendoza no seu palacete de Santa María, no centro de Pontevedra, e que conta tamén con varios textos de expertos na materia como Ana Vega, Jorge Guitián, Ricardo Fernández ou Ernesto Vázquez que axudan a contextualizar este receitario no seu tempo.
Mais, sen dúbida, as protagonistas son Concha e María Mendoza Babiano, dúas das mulleres máis destacadas do século XX pontevedrés. Fillas da pintora Carmen Babiano, sobriña de Casto Méndez-Núñez, esta deulle ás súas fillas unha educación fóra do normal, fomentando a súa paixón pola arte, a música ou os idiomas.
Froito da súa vida, as súas viaxes ou as súas relacións sociais cas personaxes máis destacadas da época, as irmás Mendoza foron elaborando un receitario privado con elaboracións procedentes de medio mundo, con pratos dedicados ás súas amizades ou con inspiracións nas outras xoias da literatura gastronómica da época, como poden ser os libros de cociña de Emilia Pardo Bazán ou Picadillo.
A través das súas libretiñas de cociña podemos apreciar unha biografía encuberta de dúas mulleres cultas, irreverentes e cunha paixón especial polos fogóns que permiten seguir debullando a historia da nosa gastronomía, desta volta dende a sofisticada cociña do seu Palacete das Mendoza.

ÁNGEL ARCAY BARRAL
(Betanzos, 1988)
Licenciado en Historia con especialización en Patrimonio Documental e Bibliográfico pola Universidade de Santiago de Compostela.
Mestre en Historia e Patrimonio con especialización en Arquivos pola Universidade do Porto (Portugal).
Guía Oficial de Turismo de Galicia tras superar a súa formación no IES Eusebio da Guarda e no CIFP Manuel Antonio de Vigo.
Na actualidade traballa como Arquiveiro Municipal de Santiago de Compostela e conta con experiencia noutros arquivos galegos de diferente tipoloxía: municipais, provinciais, xudiciais ou museísticos.
Entre as súas investigacións destacan a obra El Parque del Pasatiempo de Betanzos ou o recente estudo sobre as mulleres espontaneadas cas que obtivo o VI Premio de Investigación HUME.

ERNESTO VÁZQUEZ REY
(Pontevedra, 1987)
Licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña e investigador predoutoral nas áreas de Administración Pública e Patrimonio Cultural.
Ten publicado sobre diferentes temáticas, especialmente sobre memoria histórica e cuestións relativas á historia local de Pontevedra, sendo o coordinador de obras como o Relatorio para a protección do Pazo de Lourizán.
É presidente da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra