VENRES 17 DE DECEMBRO: PRESENTACIÓN DE “MEMORIA E LEGADO DOS PETRÓGLIFOS” DE RAMÓN SOBRINO LORENZO-RUZA


O venres 17 de decembro, ás 20 horas, terá lugar en Portas Ártabras terá lugar a presentación do libro “MEMORIA E LEGADO DOS PETRÓGLIFOS” de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza. Acto organizado por Colectivo A Rula.

Con este proxecto queremos achegar unha mostra fundamental da riqueza da nosa arte rupestre, dende a “óptica” dun dos grandes arqueólogos do século XX, Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, que dedicou boa parte da súa vida a documentar de forma gráfica o noso pasado dun xeito rigoroso pero tamén pasional.

A obra recolle unha ampla selección de imaxes do Arquivo Sobrino Lorenzo Ruza seguindo un criterio xeográfico. Figuran referidos 103 conxuntos arqueolóxicos de 31 concellos (9 da provincia da Coruña e 22 de Pontevedra).

6 textos introdutorios e varios apéndices documentais (índices, bibliografía, escolma de noticias e apuntamentos arqueolóxicos do autor que axudarán a contextualizar as diferentes fotografías e imaxes), e unha exposición complementaria.

En total: 460 fotos e 132 documentos (contando debuxos, deseños, planos, cartas, etc)

Un libro de 565 páxinas con encadernación en cartoné e edición de luxo numerada de 500 exemplares.

O traballo que presentamos aporta luz a unha das coleccións de fotografía antiga de temática arqueolóxica máis importantes do país que permanecía practicamente inédita.

Son materiais que proporcionan unha testemuña directa do estado destes xacementos hai máis de sesenta anos así coma da paisaxe da súa contorna, un feito de valor extraordinario pois, por desgraza, en moitos casos constitúen o único e derradeiro vestixio de xacementos xa desaparecidos ou evidencian as graves alteracións sufridas polos axentes naturais e pola actividade humana nestas últimas décadas.

VÍDEO