XOVES 13 DE MAIO: PRESENTACIÓN DO ALBUM ILUSTRADO “NACIÓN MAR” DE XOSÉ IGLESIAS


O xoves 13 de maio, ás 20 horas en Portas Ártabras terá lugar a presentación do álbum ilustrado “Nación Mar” de Xosé Iglesias
No acto falarán Xurxo Souto e o representante da editorial Bululú Xosé Duncan, ademais do propio autor do libro. Aforo limitado, e preciso reservar no teléfono: 630930298


Xosé Iglesias Lamela, Cée, Costa da Morte 1974 é un patrón de pesca da Galiza. Coas raíces ben chantadas na tradición ancestral do oficio de mariñeiro, herdado do seu bisavó , e toda unha vida tendo o océano como base principal do seu traballo.
¿Que había debuxado na parte final das libretas do colexio de este home dende que ten uso de razón? Barcos e máis barcos. Quizáis ese estaleiro da Sicar no mesmo pobo de Cée onde construían mercantes de cabotaxe, e onde varaban a reparar pesqueiros de distintos portos galegos, foi o detonante para que esas formas, esas fasquías voaran pola súa imaxinación.
Para nada pensou alguna vez que todos aqueles bocetos de navíos en distintas posicións e prespectivas, xunto coas acuarelas Jovi, fosen neste tempo futuro o argumento para a creación dun álbum ilustrado como o Nación Mar.
Despois de publicar dous poemarios mariñeiro –atlánticos como Transfusión Oceánica e A Relixión do Mar (editorial Caldeirón) está na fase de aprender como o vello Gepetto a darlle vida a pequenos anacos de madeira.
E a outros poemarios e outras metamorfoses que están por vir.
Sempre co mar por diante, para dignificar a súa profesión, os seus lobos de mar, e sobre todo os seus deuses-barco.