XOVES 15 DE ABRIL ÁS 20 HORAS, EN PORTAS ÁRTABRAS: PRESENTACIÓN DE “O RETORNO DOS HOMES MARIÑOS” DE XURXO SOUTO


O xoves 15 de abril ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a presentación do último libro de Xurxo Souto: “O RETORNO DOS HOMES MARIÑOS”. Aforo limitado, cumprindo escrupulosamente as normativas oficiais . É preciso reservar no teléfono 630930298.

Xurxo Souto converteuse, por dereito propio, no narrador que mellor sabe ler o mar galego. En «O retorno dos homes mariños» rescata un mito coruñés esquecido: «Ás veces téñense visto nesta praia algúns peixes da mesma figura que homes e en todo se lles parecen, fóra que teñen mans e pés un pouco tortos por razón de andar sempre nadando como as ras. A estes peixes, por semellárense tanto aos homes, chámanlles homes mariños.» Tal escribiu Jerónimo del Hoyo, cóengo da Catedral de Santiago, tras visitar A Coruña no século XVII. A señora Laura, a sabia do mar, sabe todo o que se pode saber dos homes mariños. E Mercedes, que tamén é a protagonista da novela «A gran travesía de Chiruca Macallás», traballa nun taller téxtil. É «heavy» e soña con marchar polo mundo co seu conxunto musical. Cada noite, no taller, máis forte que o boureo das máquinas, sente unha voz que a chama: a canción do mar do Orzán.

XURXO SOUTO (1966). Terrícolo redondo. Naceu na Coruña, cidade-barco, mais nada sabía das cousas do mar. Así que comezou a preguntar e a compartir polo medio que for tanta descuberta. No ano 1999 gravou cos Diplomáticos de Monte-Alto o CD «Capetón», nome en galego do mar de Cape Town, na fin de África. En 2006 dirixiu o programa «Mil Ribeiras», na Radio Galega. Escribiu «Contos do mar de Irlanda» (Xerais, 2014) e a novela «A gran travesía de Chiruca Macallás» (Xerais, 2018). Dúas décadas despois da súa aparición, recuperamos (en clave celebración) a primeira parte deste libro: «O retorno dos homes mariños» (Xerais, 1999, 2020), o relato dunha verdadeira iniciación oceánica. Porque, como dixo Staffan Mörling: «Non vivimos na fin da Terra, nós vivimos no centro do Mar». (Foto do autor: Óscar Corral)