PREMIO PEDRA DO DESTINO 2020 AO ARQUEÓLOGO LOIS LADRA


Con motivo da celebración do 18 de maio como Día Internacional dous Museos, Amigos dos Museos de Galicia, ademais de celebrar esta estraña xornada de coronavirus, potenciándoos virtualmente, deu a coñecer o Premio Pedra do Destino 2020, concedido nesta ocasión ao arqueólogo Lois Ladra. Galardón motivado pola súa preocupación en artellar os estudos de Galicia coa área atlántica, mesmo por asumir aspectos etnoarqueológxicos pouco tratados, así como como pola súa capacidade divulgativa.

Premio que consiste na inmediata edición por parte de Amigos dous Museos dun libro da súa autoría sobre os TORQUES, artefactos de caste e rango, en ouro, que caracterizan á cultura castrexa.

Os torques ártabros pretende ser un modesto contributo á divulgación do riquísimo patrimonio cultural da Aurea Gallaecia que hai mais de dous mil anos sorprendeu ao mundo polo requinte e bon facer dos seus artesáns. O prestixio dos seus ourives era tal que foron gabados polo poeta latino Marcial, chegando a ofrecer ao mesmísimo Anibal un belo escudo de ouro. Tamén se presenta un inventario actualizado con referentes bibliográficos para un corpus de douscentos torques.

Lois Ladra 

(A Coruña, 1972). Arqueólogo e antropólogo, formouse academicamente en varias universidades públicas ibéricas, nas que cursou as licenciaturas en Xeografía e Historia (UCM) e Antropoloxía Social e Cultural (UNED), tendo rematado un DEA na USC e un Mestrado en Arqueoloxía na Universidade do Porto.

Sendo ainda un mozo estudante, participou como voluntario en múltiples campañas de escavacións arqueolóxicas nos estados español, portugués e británico. Formou parte das equipas que interviron nos castros de Barán, A Torre de Sobredo e As Croas, así como nas villae galaico-romanas de Toralla e Agro de Nogueira. Tamén escavou nos xacementos de Guriezo (Cantabria), Coll del Moro e Sant Quintí de Mediona (Cataluña), Boxgrove (Inglaterra), O Rapadouro, Nossa Senhora da Ouvida, Lameira Travessa, Orca das Castenairas, Travessa da Orca e Orca do Vale da Cadela (Beira Alta – Portugal). Colaborou pontualmente nas escavacións na Torre de Hércules, no castro de Vila Cova-a-Coelheira e na Citânia de Santa Luzia. Foi bolseiro do Ministerio de Educación, da Xunta de Galiza e da Fundación Barrié.

Xa como profesional, participou na revisión das cartas arqueolóxicas municipais de varios concellos galegos, leoneses e manchegos, así como en numerosas escavacións en Galiza, Portugal, Extremadura e Castela. Formou parte das equipas que escavaron nas cidades da Coruña, Santiago, Évora e Lugo, no acampamento romano de A Ciadella, no círculo lítico de A Mourela e nos castros de Pena Redonda, Elviña e San Cibrán de Las. Dirixiu intervencións de urxencia en Iria Flavia, en Vila Franca de Xira, en Los Rediles de Cuenca, no Hostal dos Reis Católicos, no castro de Chandebrito e no Mosteiro de Samos. Traballou durante mais de sete anos como antropólogo no norte de Portugal, en estudos sobre o patrimonio cultural afectado polos encoros construídos nos rios transmontano-durienses Sabor e Tua.

Recibiu varios galardóns polas suas investigacións no ámbito das Ciencias Sociais: Premio Ferro Couselo, Premio Vicente Risco, Premio Cátedra, Premio Raigame, Premio Fermín Bouza-Brey… Ten publicado mais de seis ducias de artigos científicos e de divulgación, así coma os libros Arte relixiosa popular na Terra de Valga (2002), A pesca tradicional nos rios de Galiza (2008), A cultura tradicional da amêndoa no Douro Superior (2013), Tecnologia tradicional do sumagre (2013) e Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco (2018). Desde hai varios anos traballa como investigador independente e profesional autónomo no estudo e na valorización do patrimonio cultural galaico-portugués.