A LECCIÓN DOS DÍAS QUE ESTAMOS VIVINDO: A VIDA, A SOCIEDADE, A CULTURA


Cada día máis lembrados e estimados amigas e amigos:

Especial Coresma, coutados pola enfermidade, o medo e a incerteza, días nos que nos recollemos, case como eremitas, nos que tamén nos atopamos un pouco máis con nós mesmos que nos reorganizamos pro despois.

Dicía  John Lennon que a “vida é o que pasa por diante namentres facemos outras cousas”. Pois velaquí  o que nos está pasando por diante aos que temos a sorte de ir sobrevivindo: un moi triste fito histórico en cada persoa, familia ou nación, global sobre a Terra.

Acontecer no que somos actores e autores, en primeira liña, na casa, nos balcóns e ventás, ante os plasmas. Momentos dos que tomar nota e aprender para o futuro: onde se poñen a proba os valores do espírito ou da cultura, eses que nos permiten aturar a soidade, a enfermidade ou o medo, mesmo a medir a liberdade, xunto co valor do esencial, comezando pola  vida, a saúde, a casa, os amigos, o común, a Terra… E entre todo a cultura como sabia resposta a situacións como esta, como receitario pra aplicar os sentidos, as tradicións, a imaxinación, a ciencia e as relacións cos que saben pra atopar solucións e preservar a vida, a sociedade e o planeta…a Cultura no é pois un adorno, é a base do HUMANISMO, o que agora nos salva e no que sempre estivo o noso colectivo de Amigos dos Museos de Galicia

Á ESPERA DO DÍA DESPOIS….

Xornadas entre as que asoma o mellor e tamén algo do peor dos seres humanos, como anxos e demos, onde se pon a proba a amizade e tantas cousas que conforman a sociedade, os sanitarios, as forzas de orde, os subministradores do esencial,  os intelectuais, os artistas, as xentes da cultura que lanzan manifestos, os que poñen a disposición de todos a súa creatividade, o seu enxeño pra aminorar a enfermidade, pra alegrarnos e axudarnos a resistir…. sectores tamén vulnerable que agora temen a un futuro incerto, que nada axudaría a avances futuros.

Esperamos e sabemos que virá o día despois, e como sempre as augas do esquecemento poden ir borrando as cicatrices desta especial Coresma, as lembranzas dunha longa corentena na brecha da enfermidade, os máis na casa, como mellor vacina.

Entendemos que a cultura non debe retornar á rutina de “actos”, “días” ou liturxias,  aínda sabendo que atopará coa crise dunha maior marxinalidade. De ser así é que non se entendeu a lección, cando a cultura é a solución para respectar ao ser humano como peza esencial da sociedade, vivir para servir acordes coa grandeza do planeta. A cultura está na imaxinación, na constancia, nos códigos de comunicación pra solidarización e dar resposta a situacións como a vivida . Todo iso no que tentamos madurar e farémolo máis e mellor dende o que xa fomos creando en Amigos dos Museos de Galicia.

A CULTURA COMO BASE DO HUMANISMO: SALVAR AO SER HUMANO E AO PLANETA

A todos e a cada un a mellor aperta de ánimo (aìnda que sexa virtual), especialmente a  tantos amigos e amigas que o noso colectivo ten na vangarda da sanidade, do orde publico e dos servicios esenciais, amigos quen unha vez máis entre nós e entre os demais reafirman a súa grandeza, máis alá da charlatanería, das poses ou das burocracias… Tamén na permanente lembranza os que tiveron a mala sorte e non resistiron, sempre entre nós.  Esa é a lección que tentamos espallar, de amor á vida, ao ser humano e a ao mellor que pode facer e se garda nos museos, a Persoa, a Arte, a Ciencia….A Terra

Despois desta Coresma abriremos novamente as Portas Artabras, con novos ánimos e aires afastados do andazo, desexamos atoparvos de novo e tramar novos camiños, agora máis experimentados.

Coa mellor aperta

Felipe Senén