DIA DAS ARTES DE GALICIA 2020 ADICADO A DOMINGO DE ANDRADE


Día das Artes Galegas 2020: Domingo de Andrade

O DÍA DAS ARTES GALEGAS

Real Academia Galega de Belas Artes  en sesión de 15 de xaneiro de 2015 determinou declarar a xornada de cada 1 de abril como “Día das Artes Galegas”. Elección en lembranza desa mesma data do ano 1188  e da que se deixa constancia en epígrafe baixo os linteis do Pórtico da Gloria, como día no que se colocaron;  mesmo tamén por canto significa o Pórtico da Gloria e o seu autor, o Mestre Mateo na arquitectura, na escultura, na pintura e mesmo na Música.

Até agora os primeiros homenaxeados foron:

  • 2015 Mestre Mateo
  • 2016 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
  • 2017 Maruja Mallo
  • 2018 Alejandro de la Sota
  • 2019 Luís Seoane

2020. DEDICADO AO ARQUITECTO BARROCO DOMINGO DE ANDRADE

En sesión ordinaria celebrada  de 29 de xuño de 2019 o plenario decidiu elixir a candidatura do arquitecto  barroco Domingo de Andrade para a celebración do Día das Artes Galegas 2020.

Domingo Antonio de Andrade

(Cee, A Coruña, 1639-Santiago de Compostela, 1712)

Fillo de labradores acomodados e de orixe fidalga, mesmo o seu pai exerceu coma xuíz nas xurisdicións de Vimianzo, Mens e Cee. Domingo de Andrade, en 1654 comezou os seus estudos na Universidade Compostelán en 1654 aínda que os abandonou tras unha enfermidade . No 1668 casou con Isabel Areas Canosa con quen tivo 10 fillos, 5 dos cales faleceron antes de chegar á adultez sendo os outros, dous franciscanos en Santiago e tres agustinas en Lugo e Betanzos. En 1699 Domingo de Andrade ordenouse como presbítero ao quedar viúvo.

Comezou a traballar na capital compostelá en 1662 e fixoo como entallador de oficio, preocupado principalmente pola estrutura compositiva de retablos en madeira. Algunhas das súas obras son: o tabernáculo da Catedral de Santiago, estrutura que repetirá no baldaquino da Capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense e o baldaquino do Altar Maior da igrexa do mosteiro de Oseira.

En 1676 é nomeado Mestre Maior de obras da Catedral Compostelán, comezando coa súa primeira obra: a Torre do Reloxo  (1680) caracterizada pola súa monumentalidade e solidez en harmonía co conxunto catedralicio. En 1696 o cabido santiagués encárgalle a nova Sancristía (hoxe Capela de Nosa Señora do Pilar) da que fixo as trazas e  foi substituído por Casas Nóvoa no 1711. 

En 1700 realizou o Pórtico Real da Quintana, horizontalidade en contraste coa esvelteza da Torre do Reloxo. Así mesmo traballou no convento de San Domingos de Bonaval en tres partes principais: a fachada da portería, os cuartos e o claustro onde aparecen as súas características sartas de froitas e o virtuosismo da afamada escaleira de caracol. Resulta sobranceira, como mostra de arquitectura urbana, a Casa da Parra (1683) e a Casa da Conga (1709) que el comezou, aínda que finalmente a realización se atribúe a Casas Nóvoa. Ademais, fora de Compostela realizou, entre outras, a sala capitular e a sancristía da Catedral de Lugo, interiores tamén co seu característico encalado en branco.

Persoeiro posuidor dunha gran cultura debido á súa relación, dende 1658, co cóengo fabriqueiro don José de Vega y Verdugo. A súa obra “Excelencias, antigüedad y nobleza de la Arquitectura” (Santiago, 1695) ven a demostrar a súa erudición e expresa a súa teoría arquitectónica.

CARTEL DÍA DAS ARTES GALEGAS 2020

A Real Academia Galega de Belas Artes presenta o cartel para a celebración do “Día das Artes Galegas” en homenaxe a Domingo de Andrade. Deseño realizado polo académico de número da Sección de Artes da Imaxe, don Xosé Díaz Arias de Castro a partir do retrato de Domingo de Andrade que se atopa na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, obra do pintor e académico Felipe Criado (1928-2013), quen fora membro numerario da Sección de Pintura e Gravado desta Institución.

DIFUSIÓN DA VIDA, OBRA E TEMPO DE DOMINGO DE ANDRADE

Celebracións que, ao longo do ano 2020 e na xornada do DÍA DAS ARTES GALEGAS” teñen como obxectivo o estudio, a difusión e a posta en valor de canto significa a vida e a obra deste representativo arquitecto do  Barroco Galego. A Academia Galega de Belas Artes agradece as iniciativas tidas a tal efecto.