PREMIO “PEDRA DO DESTINO 2019” Á FUNDACIÓN MONTE CAXADO DAS PONTES


O pasado 18 de maio, "Día Internacional dos Museos", como cada ano deuse a coñecer o nome do galardoado co Premio "Pedra do Destino 2019 " que o noso colectivo ten a ben conceder a aquelas agrupacións ou mesmo persoas preocupadas por canto significa o patrimonio cultural de Galicia e os seus museos. Galardón que lembra a  mítica "Pedra do Destino" relacionada con Breogán, Galicia e Brigantia, símbolo do poder dos pobos celtas do occidente atlántico.

Nesta ocasión a Xunta Directiva de Amigos dos Museos de Galicia, entre varias candidaturas presentadas, determinou que o premiado no 2019 fose a Fundación Monte Caxado das Pontes, a que recentemente abriu nesta vila coruñesa o seu Museo Etnográfico. Iniciativa nacida da constancia, da misión  pedagóxica e cultural do profesor Xosé María López Ferro entre os seus alumnos do Colexio Monte Caxado, mesmo contando coa participación de pais, profesorado e empregados do centro deica formar  así unha importante colección de instrumentos, obxectos e mobles en relación coa vida rural agraria deste entorno. Nas derradeiras décadas por efectos da forte industrialización da bisbarra  mudaron os xeitos de vida e as tradicións  mesmo se modificaron. O Museo das Pontes e a laboura da  súa Fundación convida a cavilar entre pasado, presente e futuro.

En vindeiras datas darase a coñecer o día de entrega deste galardón no propio Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes.