VENRES 12 DE ABRIL 2019: PRESENTACIÓN DE “FUNDIDO A NEGRO” LIBRO DE POEMAS DE TERESA RAMIRO


Título: Fundido a negro

Autora: Teresa Ramiro

Edita: Editorial Caldeirón

Lugar: Portas Ártabras (r/Sinagoga, 22 – A Coruña)

Data-Hora: venres 12 de abril ás 20h

Editorial Caldeirón presenta o libro Fundido a negro da poeta Teresa Ramiro en Portas Ártabras (r/Sinagoga, 22 – A Coruña). O acto terá lugar o vindeiro venres día 12 de abril, ás 20h e contará coa participación de Xurxo Souto.

 

Teresa Ramiro (Culleredo, 1958).

Naceu no Río da Cova, Vilaboa e fai parte do colectivo literario In Nave Civitas. É tamén fundadora da asociación Xuntas pelas artes que promove o intercambio artístico entre Galiza e Portugal e colabora activamente en todo tipo de eventos culturais e accións sociais. Algúns textos seus viron luz en edicións colectivas como Alén do silencio, E de súpeto o inverno, Deixa-me ser poesía, Poemário 2018, Parábola da abundancia (bilingüe galego-inglés). Fundido a negro é o seu primeiro libro individual.

Fundido a negro

Fundido a negro é o primeiro libro individual da autora. É un percorrido por diferentes espazos xeográficos e persoais cos ollos da memoria e os pasos da loita cotiá. Unha homenaxe a unha contorna vital tinxida de belezas (evidentes ou difusas), mar e músicas. O libro contén algúns poemas míticos da autora como “A Rabaleira”, que é a letra dun dos himnos dos Diplomáticos de Montealto.

Editorial Caldeirón

A Editorial Caldeirón fai parte da Asociación Cultural Caldeirón, de Malpica. Foi fundada en 2003 por Paco de Tano e o desaparecido poeta Paco Souto. Publica anualmente o libro gañador do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas e, desde hai uns anos, ampliou a súa aposta retomando a idea inicial de publicar outros títulos de autores e autoras galegas na súa colección Baleeiros. Esta serie conta con títulos senlleiros como Transfusión oceánica, do poeta e mariñeiro Xosé Iglesias, que xa esgotou dúas edicións ou, máis recentemente, de baleas de Eduardo Estévez ou labirinto ou memoria, de Marta Dacosta Alonso.