DÍA DAS ARTES GALEGAS 2018: ALEJANDRO DE LA SOTA


No 2015 a Academia galega de Belas Artes instituiu o 1 de abril como Día das Artes Galegas, lembrando esta data a de 1188, na que o mestre Mateo coloca os linteis do Pórtico da Gloria.

Mateo, Castelao e Maruxa Mallo foron os homenaxeados ata agora. Neste 2018 o homenaxeado será o arquitecto pontevedrés, Alejandro de la Sota.

Alejandro de la Sota Martínez, nado en Pontevedra o 20 de outubro de 1913 e falecido o 14 de febreiro de 1996, foi un arquitecto galego.

Traxectoria

Era fillo do político de orixe cántabra Daniel de la Sota Valdecilla, medrando nun ambiente de clase media alta, o que lle permitiu desenvolver cedo as súas aptitudes artísticas. Acabados os seus estudos medios na cidade do Lérez, ingresou na Universidade de Santiago, na que durante dous anos cursou Matemáticas. Trasladouse logo a Madrid para estudar na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, na que se graduou en 1941 e onde foi nomeado Doutor Arquitecto en 1965. Durante case dúas décadas, de 1956 a 1972, foi profesor nesa mesma escola. Ao tempo, foi arquitecto oficial de numerosas empresas estatais, incluíndo Aviaco, a Dirección Xeral de Correos, Iberia ou o Instituto Nacional de Colonización.

Obra

De la Sota desenvolveu boa parte da súa carreira en Madrid, cidade na que faleceu, mais sempre mantivo fortes ligazóns familiares coa súa Galiza natal. A súa obra é expoñente dun racionalismo equilibrado, que une unha intensa creatividade arquitectónica xunto coa simplicidade construtiva. Foi un dos grandes promotores do industrialismo na construción dos anos 1960, introducindo elementos industriais na obra e mais na profesionalización da mesma. Os seus edificios acostuman combinar, de forma sorprendente, un gran rigor xeométrico, de liñas claras e rectas, coa audacia nas estruturas.

De la Sota recibiu o Premio Nacional de Arquitectura en tres ocasións; a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes e mais a Medalla de Ouro do Consello de Arquitectos. En 1990 foille concedida a Medalla Castelao.

Información da wikipedia