Historia


Historia

Grupo pioneiro en Galicia neste tipo de actividades en relación coa sensibilización do patrimonio cultural. As orixes hai que atopalas en 1975 cun grupo animado polo museólogo Felipe-Senén, arredor do Castelo de San Antón como "Colaboradores do Museo Arqueolóxico", coordinando actividades por toda a provincia, coa axuda do malogrado investigador e arqueólogo submariño Rafael Mejuto García.

Para posteriormente, en colaboración coa "Asociación Sociopedagóxica Galega" (1982), iniciar unha serie de cursiños e xeiras culturais por Galicia.

De tal xeito ábrese paso ó colectivo de AMIGOS DO MUSEO ARQUEOLÓXICO DA CORUÑA, en sintonía con outros grupos similares que se van creando no mundo, primeiro colectivo galego deste tipo que presidirá Xulio Santiago, para sucederlle Alfredo González Mazaira e posteriormente María Rosa Gómez.

Nestes anos artéllase colaboración e fortes lazos coa Federación Española de Amigos dos Museos, organizando na Coruña, en 1991, a III reunión a nivel estatal da FEAM que contribuíu enormemente a difundir e coordinar o asociacionismo dos Amigos dos Museos no Estado i en Galicia. A partir de entón ocupa a presidencia e ata finais de 1999 Xesús Baños, neste tempo noso colectivo recibe o "Premio Otero Pedrayo" (1995), outorgado polas catro deputacións de Galicia, recoñecendo ós méritos e a constancia no traballo de divulgación do patrimonio cultural galego.

En 1996 a xunta directiva, en base ó crecemento é a actividade do colectivo, propón a denominación de AMIGOS DOS MUSEOS DE GALICIA e dicide a adquisición, na Cidade Vella coruñesa, do espacio "Portas Ártabras". O ano 2000 supón un novo paso no proceso de consolidación deste colectivo: refórmanse aspectos dos estatutos i elíxese presidente a Felipe-Senén López, que fora creador e animador do colectivo dende as súas orixes.

AMIGOS DOS MUSEOS DE GALICIA reafírmanse nos fins que imprimirán a súa actividade, tal e como manifesta e define o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos dos Museos, celebrado en Barcelona en 1972 e que subliña que estes colectivos "organízanse para a promoción e o desenvolvemento do museo como institución ó servicio da sociedade".

E o museo implica acopio, conservación, documentación, divulgación e estudio…todo o cal parte da cartilla elemental da sensibilización. Asumindo que os fins da institución do museo refírense á memoria histórica da colectividade, educar para a sensibilización, provocar o respecto á tradición, á tolerancia, á ética e á estética no mesmo entorno do museo, na cidade. Velaí a síntese dos fins do noso colectivo.