XOVES 7 DE OUTUBRO: CONFERENCIA DE ANA ISABEL FILGUEIRAS “CORME: MITOLOXÍA, TOPONIMIA E TRADICIÓN ORAL “


O xoves 7 de outubro, ás 20 horas en Portas Ártabras, terá lugar a conferencia da arqueóloga Ana Isabel Filgueiras titulada: “CORME, TERRITORIO SOBRENATURAL. Mitoloxía, toponimia e tradición oral

Aforo limitado. E preciso reservar no 630 930 298

A conferencia aborda os resultados do estudo realizado en Corme no ano 2018, promovido pola Concellaría de Patrimonio do Concello de Ponteceso (Coruña), no ámbito territorial das parroquias de Nosa Señora dos Remedios (Porto), San Adrían de Corme, San Xián de Brantuas e San Xoán de Niñóns.

Un estudo e un traballo de campo que conecta coa Memoria, coa tradición e coa cultura desde a propia experiencia d@s veciñ@s dos lugares, auténtic@s protagonistas da súa Historia. O resultado permítenos ver a secuencia da ocupación deste territorio e o seu legado cultural desde o pasado remoto ata a actualidade. Unha transmisión cultural e emocional de “vital” importancia, que ten o poder de transformar e marabillar.

Desde esta expresión libre e creativa, oito paneis nos conducirán polos camiños da Memoria: A PREHISTORIA; Os lugares d@s antepasad@s. MITOLOXÍA E TRADICIÓN ORAL: Os lugares encantados. MEMORIA VIVA DE CORME: A comunidade. CORME, TERRITORIO SOBRENATURAL:Natureza e misterio. CORME NA COSTA DA MORTE: A arte de vivir fronte ao mar/ A Coraxe do Gremio da Mar. CORME. DEVOCIÓN, SANACIÓN E ESQUECEMENTO: Os lugares sagrados. Santuarios Terrestres/ Santuarios Mariños.

Finalmente, non podía faltar a sonoridade dos nomes da beiramar de Corme (laxes, furnas, petóns, fontes, insuas, areais, regos, etc) situados sobre a fotografía satélite, para vogar polo mundo afora…

Un legado invisible que transpira pola pel do territorio e do que se pretende crear conciencia, adquirir compromiso e responsabilidade pública, para contribuir ao seu coñecemento, salvagarda e difusión, nas mellores condicións posibles. Unha exposición e conferencia que “reanima” o pasado e pretende recuperar o poder dun legado sensible, comunitario, admirable pola súa resistencia e sentido da supervivencia. Desde Corme, conectando coa experiencia e o territorio que habitamos, para que sirva de inspiración e para continuar, atent@s á tradición, creando vangarda.