XOVES 10 DE XUÑO: O CAMIÑO DOS ARRIEIROS… ENTRE AS PONTES E ESTACA DE BARES


O xoves 10 de xuño, ás 8  horas do serán no noso espazo de cultura, “Portas Ártabras” presentarase o documental O CAMIÑO DOS ARRIEIROS, UN CAMIÑO ENTRE MAMOAS, dirixido por Cultureume e no que se recollen testemuñas, aspectos arqueolóxicos e etnográficos desta antiga senda, a que, dende as Pontes de García Rodriguez leva a Estaca de Bares, pasando ademais polos concellos de Ortigueira e Grañas do Sor. Camiño que atravesa a serra da Faladoira, entre mámoas que ademais serven de fito orientativo, transcorrendo entre castros, ermidas e cruceiros que cristianizan antigos cultos… Escenarios de amplas vistas da beiramar setentrional de Galicia, trepados por bestas bravas do monte, noutrora coñecido e transitado por arrieiros, bandoleiros…como Mamede Casanova e os Balseiro…

Reportaxe de gran valor etnográfico e histórico, un traballo necesario ideado polo etnógrafo Xosé María López ,quen entrevista á xente maior, coñecedora de historias, mitos e lendas en relación con esta senda. Actividade que trata de sensibilizar sobre este recurso cultural e turístico con fins de protección, limpeza, reposición de balados e fitos…

Acto que será seguido dun interesante coloquio no que participaráan representantes do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes.

Entrada de baldeAforo limitado, é necesario facer reserva no 630930298