1 DE ABRIL “DÍA DAS ARTES GALEGAS”, PRA SENSIBILIZAR SOBRE O PATRIMONIO CULTURAL


Por Felipe-Senén

Nas calendas de Abril, isto é o  primeiro día deste mes do ano 1188 e abrindo a primaveras góticas galgas, entre estadas e grúas de madeira o Mestre Mateo dirixe na fachada occidental da catedral compostelá  a colocación dos simbólicos linteis do Pórtico da Gloria. Portas que no Extremo Occidente abren á tumba dun Apóstolo íntimo de Cristo, onde converxen os vieiros que van configurando a Europa dos pobos.  Data e feitos que Mateo constata en epígrafe baixo as colosais e monolíticas limeiras. 

Por iso mesmo cada un de abril debe ser o día dos creador@s, d@s artesáns, d@s teóric@s de todos os tempos e que traballaron e traballan en Galiza para humanizala a través do seu saber.

O pórtico significa, lindeiro, apertura a mundos, pasaxe, iniciación entre o interior e o exterior, entre as tebras e a luz,  ascese pois. Pórtico que na fachada do solpor da catedral compostelán expón e representa os saberes que aproximan ao ser humano á divindade, ao humanismo a través da Arte: Arquitectura, Escultura, Pintura, Música, Mitos, Poéticas…. entre un sen fin de símbolos no que un, arrastrado pola tradición, non ten máis que cumprir os ritos de pasaxe: pousar os sentidos, enxergar, tocar, golpear ao Santo dos cabelos encrocados,  fundirse coa esencia da pedra nunha aperta á imaxe do Apóstolo.

A Academia Galega de Belas Artes, nacida no 1849, coa ansia de estimular a creación, a salvagarda do patrimonio cultural, órgano consultivo de administración, creadora da Escola de Belas Artes, a dos primeiros pasos de Picasso, de museos, de asociacións, promotora de estudos e de actividades de divulgación, determinou no 2015 instituír un día dedicado a sensibilizar a Arte en Galiza. Entre varias propostas o colectivo académico entendeu, polo devandito, que esa data debe ser o día 1 de Abril, “Día das Artes Galegas”

A primeira dedicación non podía ser a outro mais que ao Mestre Mateo, logo, no 2016 sería a Castelao, no 2017 a  Maruja Mallo, no 2018 a Alejandro de la Sota, no 2019 a Luis Seoane e no  2020 e 2021, anos de esperanzas truncadas pola pandemia, ao arquitecto ceense Domingo de Andrade( 1639-1712). Dous anos envoltos na difusión da espiral do Barroco e nun dos seus mellores teóricos e  artífices. Ben o merece este mestre e período de grandes arquitectos e escultores, retablistas  con significadas intervencións en templos, mosteiros, pazos, na paisaxe, no urbanismo  dese referente que é Compostela e nas vellas cidades. Aspectos que ademais se comparten coa veciña e irmán Portugal, e que  mesmo se levan e se traen co ouro dos países de ultramar a través da misión e  do comercio. Intres de contrastes, de teorías da arte na sempiterna pedra, de técnicas construtivas, de mestría, os que se enfrontan a ditados academicistas de tendencia clásica. A contestación galega  e compostelán ofrecerá un desafío malabar para non perecer baixo imperativas normativas.

O Barroco é un proceso artístico transcendental na identidade da cultura de occidente e máis da súa parte extremeira, Galiza-Portugal. Aquí é están moi arraigados, proliferan e espállanse os cultos e as devocións arredor das que nacen romarías e polo tanto templos, grandes obras e negocios. Edificacións que gaban a forza do poder relixioso e político, Arte da Contrarreforma en contestación á protesta luterana que reclama rexenerar unha Igrexa corrupta, enriquecida pola explotación e o engano,  polas bulas, os foros,  as esmolas a inventos de santos e milagres, evitando o libro, considerado perigoso polo establecemento dunha vixiante Inquisición. E a contestación contrarreformista  farase dun xeito grandilocuente, contrario, escenográfico, abraiante, engaiolante, apoucando aínda máis ante o poder ao homilde devoto e espectador. Faranse máis atractivos os escenarios, as entradas con grandes escalinatas, pórticos, esculturas, no interior filigrana de  retablos vestidos de ouros… Ventos da Contrarreforma que petan na Compostela das Peregrinacións, dos mosteiros, das clausuras e dos cóengos, a dos mitos e dos ritos O Románico revístese de Barroco.

A posta en valor dos talleres-escolas, da tradición e profesionalización nas artesanías.

Arte do Barroco que non é un estilo é un movemento sociocultural, político e fortemente económico, marcado polo absolutismo político-relixioso. Pola contra incentiva as artes buscando  provocar emocións a través do cálculo, da harmonía, do equilibrio, do dinamismo,  da habilidade na filigrana, un desafiando ao tempo, a tensións fronte á serenidade… O fin dos promotores era elevar ao que eles dicían a Providencia, o Gran Xeómetra, Arquitecto do Universo…  Intento, xogo pois pitagórico, entre matemáticas, xeometrías, sensacións, fantasías, emocións e sentimentos en busca do Espírito.  Despois do Renacemento un  importante paso adiante na dialéctica das artes polo que supoñen de desafío de habilidades técnicas e da capacidade dun ser humano que abandeiraba imperios para desembocar  agora  en valorar o local , a obxectividade entre naturalismo e metafísicas. Floreos culturais que provocan á razón para abrir  ao positivismo e ao empirismo,  ao senso evolucionista, tamén da Historia. En definitiva, nesa dialéctica ábrense as portas á Ilustración na que madura a teosofía, nace a masonería e aséntase a ciencia.

O Barroco, cos seus pros e contras vaise revalorizando dende as perspectivas do tempo: arte moi en paralelo coa paisaxe e a sensibilidade poética galega, que move ao mellor do artesanado, comezando pola tradición dos canteiros. Gremios de xornaleiros galegos que se sumaban a cuadrillas de trasmeráns, viscainos, portugueses pra recorrer o mundo.

Ao respecto  desa interacción Barroco con canto significa de artesanado, pedra, canteiros… e aprendendo a lección debe terse en conta a actividade desenvolta na derradeira década no plan de restauración da catedral de Santiago, das súas fachadas, torres, cubertas… Traballo que supuxo novos estudos, volvendo a ser fábrica que pon en valor o necesario papel da  Escola Taller de Cantería de Poio. Centro de formación de artesáns, artistas solicitados de todo o mundo para traballos especializados.  Velaí pois un modelo, un camiño de normalizaciónn as escolas, de Artes e oficios, onde aprender e por en práctica ademais a arte da carpintería, do ferro, dos vitrais, da cerámica, a ourivería, das teas a todas a artes … coa  función non so de crear ou  rehabilitar senón de revitalizar moitos saberes que van de edificios a pequenos obxectos de tradición e cultura que nos identifican no mundo e que hoxe esmorecen no desleixo e na incerteza. Espazos de formación pra seguir creando , innovando e conservando o Patrimonio Cultural.

Pois velaquí un día pra un repaso e recoñecemento de canto se foi aportando dende esas fisterras á Arte universal, con esa particularidade da pedra, dende o Megalítico, á cultura Castrexa, a Romanización, o Románico e Gótico, o Renacemento, o Barroco, o Neoclásico, o Modernismo…na roda dunha eterna dialéctica. Un día tamén pra revisar as Leis e os estamentos que defenden e fomentan canto significa o Patrimonio Cultural, non ben sabidos nesa roda da madurez cultural dun pobo.

Día que, ademais dos grandes mestres arquitectos, dos canteiros e artesáns quere ser  un homenaxe a todos os estudosos do Barroco apelidado Galego, como  Couselo Bouzas, Martín González, Chamoso Lamas, Socorro Otega, Hipolito de Saa, Vila Jato, García Iglesias, Taín Guzman e tantos outros. Un día pra vitaminarse en cultura galega como aporte universal.