18 DE MAIO: DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS


Realidade e virtualidade dos museos nos tempos do coronavirus

Segundo a chamada do ICOMOS  (Consello Internacional de Monumentos e dos Sitios) celebraremos cada 18 de maio como ´”Día Internacional dos Museos”. Nesta anormal ocasión do coronavirus baixo o lema de Museos pola igualdade, a diversidade e a inclusión.  Un xeito máis pra sensibilizar sobre o papel dos museos na cultura, algo que vai máis alá da ditadura visual, do  tópico “xa o vin”. Museos pois de actores, máis que de espectadores, espazos e montaxes para enxergar en exposición coherente de artefactos sobre os que pousar os cincos sentidos, máis a intuición e a cultura, para concluír en mensaxes de diálogo e paz. E como facelo con estas institucións, que presumen e desexan ser puntos de encontro, referentes, agora nunha situación de incerteza polas circunstancias da pandemia, coutando o seu propio fin: pechadas ou reducindo o numero de visitantes e de actividades.

Queda patente que unha das grandes necesidades sociais, logro das civilizacións é crear vehículos e códigos de comunicación, e velaí os ideogramas, a palabra, o idioma, a escrita, a imprenta, o teléfono, o cine, a televisión e no noso tempo todo ese universo das novas tecnoloxías dixitais. Era das pantallas, de plasmas na casa e entre as mans de cada ser humano, coas que, nuns segundos, nos podemos relacionar con calquera parte do mundo. Medios que xeran mensaxe, pois existe o que sae nelas, e veña diferentes xeitos de provocacións para existir: trols, performáns, postureos e outros rexoubeos… Compre educarse pra ese mundo, armarse de ética e estética, de ferramentas de cultura pra saber expurgar e valorar.

Museos “on line”, permanentemente de garda, ao servizo da cultura

Pois velaí un camiño pra enxergar o museo, insistimos máis que pra facelo visible: “o museo on line”,  a través de novos camiños, da imaxinación e da constancia. Algo a perfeccionar dende todos os ángulos nos que se encadra a función dunha institución pública: nunha xestión aberta, no continente, nos contidos, así como nesas actividades que implican investigacións, documentación, conservación, creación, didáctica… E arredor diso as pantallas ofrecendo tours virtuais, en tres dimensións, que permitiran movernos virtualmente pola rosa dos ventos das instalacións museísticas, achegarnos mesmo ás pinceladas dun lenzo ou á veta dunha escultura.  Novas formas de coñecemento que permiten novas formas de relación, o  universo dos videoblog. Aprendendo que si cada ser humano é un universo, cada ser humano ten algo que compartir e ao seu xeito… o saber e o universo enriquécese.

 En pouco tempo , acelerado a partires do confinamento, que supón darlle ao maxín, experimentar, nacen reformulacións nas relacións, atoparemos grandes achados nestes novos vehículos de comunicación entre emisores e receptores. Mesmo a través de poucos medios asoma a creatividade, o bo gusto, como tamén campa o feismo. Así, polo que facemos e expresamos, se debuxa e se avalía o estado da cuestión da cultura dun pobo. Velaí unha parte da lección do museo, saber enxergar.

Día dos Museos, xornada arredor da que  estas institucións compiten singularizando e institucionalizando actividades que son referente, como  “A noite dos Museos, facendo visibles estas institucións na soidade da noite, entre outras participativas actividades de interacción das artes, performances, videoproxeccións, musica, recitais…. Proba de que as ansias creadoras nunca morren. Sempre hai puntos de perfección nun camiño inacabado. Ao respecto lembramos aquela iniciativa nacida arredor do Museo Arqueolóxico do Castelo de S. Antón da Coruña, ao mesmo tempo que o ICOM no 1977 instituía cada 18 de Maio como o Día Internacional dos Museos, aproveitando e facendo unha chamada aos colexios baixo o lema “Vive o teu Museo”, contando coa colaboración do creador e animador cultural Cesar Lombera para que os participantes  pintaran sobre o asfalto do ismo do castelo un efémero gran mural, alusivo a un persoeiro histórico en relación coa Coruña. E así fixemos o de Picasso, Seoane, Lugris, Malaspina…. Agora, dende as perspectivas do tempo, agradecemos que algúns daqueles escolares, xa feitos adultos, lembren aqueles momentos e escolleran camiños en relación cos museos. Actividades das que tamén naceron e medraron os pioneiros colectivos de Amigos dos Museos do Arqueolóxico e de Galicia.

O devalar da ciencia da museoloxía e dos museos

Todo devala e o  ICOM  reformula a definición de museo, velaí a actual que non ten desperdicio:

   “Os museos son espazos democratizadores, inclusivos e polifónicos para o diálogo crítico sobre os pasados e os futuros. Recoñecendo e abordando os conflitos e desafíos do presente, custodiando artefactos i espécimes para a sociedade, que salvagardan memorias diversas para as xeracións futuras, garanten a igualdade de dereitos e a igualdade de acceso ao patrimonio para todos os pobos. Os museos non teñen ánimo de lucro. Son participativos e transparentes, traballan en colaboración activa con e para diversas comunidades, a fin de coleccionar, preservar, investigar, interpretar, expoñer, e ampliar as comprensións do mundo, co propósito de contribuír á dignidade humana, á xustiza social, á igualdade mundial e ao benestar planetario.”

Punto por punto o tema daría para unha tese e máis aplicado á museoloxía como ciencia da súa xestións e aos museos de Galiza.

Museos, universidade a través dos artefactos: polas obras entraremos nunha sociedade…

O anteproxecto da Lei de Museos de Galicia feito ao albeiro da Lei 5 do 2016 de Patrimonio Cultural no seu  Artigo 3, recolle a definición de museo antiga , a do ICOM de 1994,  que dicía que “Os museos son institucións de carácter permanente, abertas ao público e sen finalidade de lucro, orientadas á promoción e ao desenrolo cultural da comunidade en xeral, por medio de la recollida, adquisición, inventario, catalogación, conservación, investigación, difusión e exhibición de forma científica, estética e didáctica, de conxuntos e coleccións de ben patrimoniais, así como das prácticas, tradicións e saber, de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu ámbito natural, con fins de estudo, educación, desfrute e promoción científica e cultural. Quedando sometidos ao réxime de protección establecido pola  Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia para os bens declarados de interese cultural, os inmobles dedicados a museos de titularidade autonómica.” Clarexando ademais no apartado 2 que  “Son funcións dos museos as seguintes: a) a adquisición, conservación, documentación, restauración e exhibición ordenada das colecciones. b) A investigación no ámbito das súas coleccións, da súa especialidade ou do seu respectivo ámbito cultural e territorial. c) A organización periódica de exposicións científicas e divulgativas de carácter temporal. d) A elaboración e publicación de catálogos e manuais dos seus fondos. e) A difusión e divulgación dos seus fondos, así como o desenrolo de actividades didácticas e formativas respecto aos seus contidos. f) Facilitar a consulta áxil e continuada ao persoal investigador e á cidadanía en xeral dos seus fondos, agás que supoña un perigo para a súa integridade. g) Facilitar a interpretación do patrimonio cultural á sociedade. h) Promover a pluralidade, integrando perspectivas e axentes sociais diversos, buscando a formación crítica, a participación e a divulgación científica. i) Fomentar a creación e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial, potenciando a dimensión inmaterial das súas coleccións, en especial as etnográficas, os fondos orais e as imaxes. j) Promover o respecto dos dereitos humanos e a igualdade de xénero. k) Calquera outras funcións que se lle encomenden por disposición legal ou regulamentaria.

Pois velaí, definicións e leis feitas sobre leis. Normativas haber hainas, outra cousa é coñecelas e que a mesma administración as cumpra, a fin de normalizar  e actualizar a museoloxía e a situación dos museos galegos, universidades populares a través dos artefactos.

18 Maio do Coronavirus 2020