1 DE ABRIL: “DÍA DAS ARTES GALEGAS” AS SOMBRAS DO ARQUITECTO DOMINGO DE ANDRADE (1639-1712)


Dende  o 2015 a Academia Galega de Belas Artes propuxo e ven celebrando cada 1 de abril como Día das Artes Galegas. Data escollida en memoria daquel día do ano 1188, cando o mestre Mateo ultima a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na catedral compostelán, tal como consta en epígrafe sobre os mesmos. Dende entón e nesa ansia de consolidar esta nova advocación no calendario civil, varios creadores das diferentes artes de Galiza  tiveron o seu homenaxe, Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, la Sota, Seoane…e nesta longa Coresma e confinada primavera do 2020, o celebrado será un arquitecto que entendeu a estética dun confín do mundo, de pedra, de bosques, de labirintos, mestre construtor capaz de erguer torres e escaleiras do caos ao cosmos, que abriu solemnes pórticos ao Todo, fachadas e balcóns , enmarcadas  entre sartas de froitos e volutas labrados nas súas pedras… Referímonos ao  mestre de obras,  Domingo de Andrade, singular onde os haxa, cargado pois de esencias propias, comúns e do seu tempo, un estilo Barroco con marca de Terra, o Barroco Galego.

“Días” non so pra celebrar  a eses outros “santos” terreais , artistas galegos, senón tamén para exemplarizalos. Compre  pois afondar non so en aspectos da súa vida, nas súas obra e milagres, senón tamén no estado da cuestión do seu legado e dos estudos sobre eles. Neste caso sobre Domingo de Andrade e o seu tempo.

Sabemos que naceu en Cee nunha data arredor do 1639 e que si, finou en Compostela  no 1712. Persoeiro con inquietudes cultas en anos de virtuosismos artísticos, das primeiras bibliotecas e gabinetes de curiosidades, inquedanzas que abrirán a unha Ilustración de curiosos impertinentes, cando se levan , traen e se fan ver achados e ouro das colonias, das Américas, do oriente…

Andrade inicia estudos en Compostela,  ansioso de transmitir e facer ver o que sabe, teórico, autor do libro “Excelencias, antiguedad y nobleza de la Arquitectura “(1695),  como un  Vitrubio da preilustración: páxinas  básicas que partindo do clasicismo  introdúcennos no coñecemento das súas inquietudes e nas do seu tempo. Ensaio científico no que interacciona xeometría e número, como algo divino, áureo.  Libro  posto en relación coa literatura apoloxética do seu tempo, disertación sobre a nobreza da arquitectura  analizada por estudosos da arte como Bonet Correa e máis modernamente por  Leopoldo Fernández Gasalla  (2007). Coñecemos que Andrade mesmo tentou escribir outro tratado, este sobre arquitectura e enxeñería militar.

O seu nacente prestixio levouno,  dende 1662 a  ser requirido polo cabido  compostelán para complementar a sempre inacabada catedral.  Fábrica onde se fai querido e imprescindible, pra ser mecenado polo bispo mexicano Monroy. No 1676 é nomeado mestre de obras da catedral, a un tempo que se lle encarga a súa grande e primeira obra arquitectónica , erguida sobre o vello torreón  medieval dos tempo do bispo Berenguel de Lendoire, a Torre da Berenguela, logo  chamada do Reloxio, por incluír a entón novidade mecánica de dar as badaladas das horas. Torre rematada no 1680, caracterizada por esa exuberancia de ciprés, erguida ao ceo e ás horas do tempo, repartida en altura en catro corpos superpostos, en harmónica diminución, para rematar no octógono da lanterna, dar paso  ao círculo, á esfera,  culminado  polo pináculo, a bola e a cruz: do caos ao cosmos, da cuadratura ao círculo. Pétreos paramentos  nos que alterna o liso coa característica decoración de herdos “orientais”, traídos e tamén levados ao alenmar crioulo que aumentan en medida que ascende : contraste de vans e cornixas,  festóns,  varandas con balaustres, volutas, miradouros… Harmónica fermosura enxalzada na sobridade rectangular da Quintana de Vivos e Mortos, a que obrigou a  aplicar o termo Berenguela para algo ben feito, “pareces unha Berenguela” , que non pasou desapercibida a quen ten algo de poeta.

A obra de Domingo de Andrade non so se reduce a proxectos arquitectónicos en pedra, senón que como entallador de oficio que era, dedícase tamén a outros compositivos e á decoración en madeira, os retablos. E sempre na súa obra  a súa pegada, como unha marca que deixará influencias:  as labra de sartas de froitas, as pomas entre follas atadas con lazos, as columnas salomónicas cargadas de acios de uvas, na madeira sobredouradas polos especialistas batioxas, cunha ansia de aproximar ao Ceo. Velaí o modélico tabernáculo da catedral compostelá, co seu grande baldaquino sostido por catro  xigantes anxos  ou o da exuberante  capela do Cristo de Ourense, o que nos remiten ao perdido –  en dramáticas circunstancias nos acontecementos de abril  do 1909 –  do Mosteiro de Oseira. Tamén se lle atribúen retablos como o que existiu en Santos Domingos de Bonaval, hoxe na parroquia de Santiago de Carril  e o das Clarisas de Compostela,  o mesmo órgano da catedral, o relicario da igrexa de San Paio na mesma Compostela. Arredor do 1695 o  bispo Monroy encoméndalle realizar unha vella teima súa en relación coa “hispanidade”:  converter a antiga sancristía da catedral compostelá  en capela do Pilar, pra compracer ao promotor cargará a cúpula de símbolos xacobeos utilizando pedra de xaspe das canteiras asturianas.

Andrade proxectou tamén pazos e en Compostela  mansións urbanas modélicas , como a Casa das Pomas da Rúa Nova ou a Casa das Parra asomando á Quintana, a da Praza de Feijoo, a casa da Conga pechando a Quintana… unha e outras destacando no interior solemnes escalinatas.

Así mesmo deixou obra  na catedral de Lugo: a sancristía e a sala capitular, así como a igrexa do convento das dominicas de santa Maria Nova. Trazas. En Melide da Igrexa de San Antonio de Melide…

A pegada de Andrade bateu nos arquitectos que lle seguen, como Diego de Romay (1641-1694), Fernando Casas Novoa (1670-1750), Simón Rodriguez (1679-1751), Lucas A. Ferro Caaveiro (1699-1770) , Clemente Fernández Sarela (1716-1765)…  marcando  ese particular estilo  na pedra e na cultura Galega , denominado Barroco Compostelán ou Galego, en contraste con  nacentes  presupostos  academicismos neoclásicos metropolitanos.

Sanchez Cantón, Chamoso, Filgueira, Fraguas, Socorro Ortega Romero, M. C Folgar de la Calle singularizaron a  Andrade ao tratar o Barroco. O ceense Francisco F. Mayán Fernandez,  Sebastián Gonzalez- García adiantaron tamén pequenos monográficos que abrirán a máis amplos estudos. Andrade deixou abundantes documentos , fundamentalmente nos arquivos da catedral , da Universidade e no municipal de López Ferreiro de Compostela: planos, proxectos, debuxos, monteas… estudadas polo profesor Miguel Taiz Guzmán,  por Ana Goy, Vigo Trasancos… Un traballo sempre inacabado.

Sabemos que  o día 12 de Novembro do  1712 , aínda co remol das fogueiras dos magostos, finou en Compostela , pra ser enterrado cos honores de gran mestre construtor na Capela da Concepción da catedral que el aínda singularizou máis… ao cabo dos anos os  seus restos mortais quedaron confundidos entre outros anónimos defuntos… Agora, por iniciativa da Fundación e a Catedral e da Academia Galega de Belas Artes  porase un epitafio.

Quedou en min, entre outras, nos anos de estudo na Facultade de Xeografía e Historia compostelán, a pegada daquel retrato imaxinario de Domingo de Andrade feito polo pintor Felipe-Criado, recollendo ao arquitecto, apoiado en si mesmo, mirando por unha xanela aos volumes verticais e horizontais de Compostela, como un novo pensador….e así o imaxinamos, como caviladora sombra, seña entre as luces do seu ouridourado Barroco , onde mellor pousar un eterno outono que diría Cunqueiro.

Felipe-Senén