MÉRCORES 11 DE DECEMBRO: O MUNDO RURAL DE “PORCA TERRA”


Ás 20,30 no noso espazo de cultura "Portas Ártabras", o escritor e traductor Xoán Abeleira presentará a traducuón realizada por il de "Porca Terra" do escritor , guionista de cine e pintor londinese John Berger (1926). Creador cunha rica vida cargada de experiencias, na Segunda Guerra Mundial, alumno do Henry Moore. Decide cambiar a vida urbana por unha aldea dos Alpes franceses, deixa a pintura e dedícase a escribir….

"Porca terra" é o primeiro volume dunha das obras máis xustamente aclamadas do seu autor, a triloxía titulada Do seu labor, cuxos outros dous volumes son Outrora en Europa e Lilac e Flag. Se o primeiro aborda a vida labrega tal e como foi ata hoxe ó longo dos séculos, o segundo e o terceiro narran, con idéntica xenialidade, a emigración dos labregos ás cidades e o seu asentamento, tan desarraigante, nelas.

Composto alternativamente de relatos e de poemas, Porca terra é a celebración lírica e tráxica, asemade, dun xeito de entender a existencia que, ende mal, xa está a desaparecer para sempre. Malia estar baseada na vida dunha zona rural da Francia de finais do século XX, os personaxes, as tradicións e os labores evocados nesta obra gardan unha abraiante semellanza cos labregos do noso propio país.

O volume complétase cun Epílogo histórico no que John Berger explica, por unha banda, o universo e o xacer dos labregos, e, por outra, as causas polas que o capitalismo e, en concreto, o da Comunidade Europea teima, segundo o autor, en acabar con esta clase milenaria de superviventes natos.