O MUSEO MONTE CAXADO DE AS PONTES RECIBE O PREMIO PEDRA DO DESTINO 2019


O venres 8 de novembro, ás 20 horas no noso espazo de Cultura,"Portas Ártabraso mestre, divulgador e creador do Museo Etnográfico das Pontes de García Rodriguez, Xosé María López Ferro recibiu o agasallo e o PREMIO PEDRA DO DESTINO 2019, como en outros anos concedido o Día Internacional  dos Museos, o pasado 18 de maio. Foi este un sinxelo e entrañable acto realizado en Portas Ártabrás e no que de xeito moi didáctico, noso homenaxeado expuxo os pasos dados para a formación e singularidade do modélico centro das Pontes de García Rodriguez. Non faltaron lembrazas para o maxisterio pontés do sacerdote Enrique Rivera Rouco que sementou amor ás orixes, ao pasado, figura da que López Ferro, agradecido polo herdo de saber, fixo a súa biografía. Lembranzas que se extenderon a mestres, alumnos e país do Colexio Monte Caxado que entenderon esta lección de amor á Historia Popular a través dos artefactos e das tradicións.

Felipe-Senén presentou este acto poñendo como exemplo a López Ferro, "capaz de maxinar e facer o que as adminstración e tanto organismo apelidado de cultura son incapaces de levar a cabo". Lembrou a outros exemplares referentes nos eidos da recolleita e difusión etnográfica como Pepe el El Ferreiro de Grandas de Salime, Secundino García da Capela, Narciso Luaces de Meixido… ou mesmo o  fracasado esforzo, pola morte prematura de Benigno Eirís… Este recoñecemento e premio de Amigos dos Museos de Galicia, a parte do apoio incondiconal do colectivo, conleva a cantidade de 1500 euros pros programas e inicativas do propio Museo.

Iniciado o ano 2020 o noso colectivo incluirá en programa unha intensa visita ás Terras das Pontes, visitando o Museo Etnográfico Monte Caxado, a obra creada e animada por Xosé María López Ferro.