SABADO 18 de MAIO: DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS, PREMIO PEDRA DO DESTION 2019 E VISITA GUIADA POLA CIDADE VELLA DA CORUÑA


Amigos dos Museos de Galicia veñen celebrando dende a mesma creación polao ICOM no 1977 a xornada de cada 18 de maio como DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS. Motivo para sensibilizar e divulgar  sobre os fins da intitución do museo: acopiar, conservar, estudar, documentar, divulgar testemuños da cultura dun pobo, cuns fins de educación e mesmo de lecer. Con tal motivo na tarde de este sábado, ás 17 horas, e partindo dende o mesmo espazo de cultura do noso colectivo, "Portas Ártabras" en Sinagoga 22,  uiniciaremos un recorrido guiado pola Cidade Vella da Coruña, analizando aspectos etnográficos e históricos da Coruña, visitando  tamén algúns dos seus museus. Xeira que durará  aproximadamente dúas horas e  que será guiada por Felipe-Senén. Ao final de esta visita darase a coñecer a quen se lle outorga neste ano a "Pedra do Destino", distinción coa que o noso colectivo premia iniciativas , a persoas ou mesmo a museos pola súa meritoria labor.

Nesta ocasión o lema proposto polo ICOM é "OS MUSEOS COMO EIXOS CULTURAIS.O FUTURO DAS TRADICIÓNS", tema ben acaido pra interrelacionar coa figura á que na xornada do 17 de maio se lle dedica o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, o etnógrafo ANTONIO FRAGUAS.  Figura senlleira á que, ademais dedicaremos algunha xornada a fin de adentrarse na  súa vida e contribución á cultura galega.

Actividade á que están convidados cantos desexen asistir.

imaxe dia museos