MÉRCORES 25 DE ABRIL: VENERIS DIES (TEATRO)


O mércores 25 de abril, ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras unha sesión de teatro presentada por aula aberta CasaHamlet, titulada VENERIS DIES

Veneris Dies é un espectáculo teatral que xurdiu no Estudio de Teatro Casahamlet que consta de diversa pezas breves ou  escenas  de teatro de distintos autores: W. Shekaspeare, Juan Mayorga, Sanchís Sinisterra, Manuel Lourenzo,Fernán Vello, A. Cunqueiro…onde a figura da muller resulta o eixo recurrente da súa temática.

A muller vista desde diversos ángulos literarios, dramáticos neste caso. Retratada  co humor ácedo de Juan Mayorga ou coa grandeza tráxica de Shakespeare; coa fina ironía de Manuel Lourenzo ou coa carga poética de Fernán Vello…

Alvaro Cunqueiro debuxa unha raíña Urraca cargada de historia e paixón amorosa; T. Willians trasládanos á unha habitación preñada  de  miseria espiritual e física; Alonso de Santos fainos rir coas pretensións alucinóxenas de dúas velliñas ilusionadas cos últimos raios de sol dos seus  invernos…

Este espectáculo pretende ser un caleidoscopio emocional que pode ser ollado desde múltiples fiestras. O amor, a tenrura, a vinganza, o desexo, a paixón en fin…

Dezanove actrices e actores , de Casahamlet, dan corpo, voz e acción a este escaparate decorado coas prendas máis intimas do ser humano, baixo a dramaturxia e dirección de Santiago Fernández.